publicidade hoxe

Cores Tourís comproba en Agolada a mellora de vías e sendeiros no entorno do Río Arnego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Agolada para comprobar, en compaña do alcalde da localidade, Ramiro Varela, as obras de mellora de vías e sendeiros no entorno do río Arnego.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Deste xeito, Cores Tourís asegurou que o municipio executou, nunha primeira fase, traballos de acondicionamento deste sendeiro para o que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aportou unha axuda global de 19.960 euros, dentro das axudas destinadas a concellos da Rede Natura. O concello de Agolada aportou o 21% correspondente ao IVA da obra, co que o investimento global roldou os 24.200 euros.

O delegado territorial destacou que xa se aprobou a concesión da segunda fase destas axudas de cara ao presente ano. Esta colaboración da administración autonómica cos concellos con Rede Natura ven a ratificar “o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra, unha das que conta con maior número de concellos acollidos a estas axudas, en concreto 30, investiranse case 676.000 euros en diversos proxectos se temos en conta non só a axuda destinada pola Xunta de Galicia para estes municipios senón tamén a IVA que eles asumen”.
Segundo explicou, estas subvencións destinaranse a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos.

“O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é dar resposta a estes obxectivos fomentando e aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “estas actuacións están dirixidas”, asegurou Cores Tourís, “a contribuír a biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que compre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.

Cores Tourís destacou que dende a administración autonómica continuarase a perseverar no coidado da natureza. “Queremos aproveitar tamén o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso entorno”.

En relación ao proxecto que realizou o concello de Agolada, e co que continuará este ano grazas a segunda fase da subvención recentemente aprobada, o alcalde matizou que o obxectivo dos traballos é mellorar as vías e sendeiros no entorno do Río Arnego. Deste xeito actuouse sobre o sendeiro que parte da área recreativa de Ponte Carmoega e percorre a marxe esquerda do río. Durante todo o percorrido, o sendeiro conecta con camiños auxiliares a lugares como Paradela, Garlín, Velpellós ou Vilariño, existindo numerosos muíños.

As labores consistiron en traballos de limpeza, roza con medios manuais e mecánicos para reducir o risco de lume e favorecer o desenvolvemento da masa forestal. Tamén se realizaron podas e aclareos. Estas labores foron executadas por catro traballadores contratados polo municipio para este fin. “As labores continuarán ao longo deste ano”, explicou Ramiro Varela.
 

11 de marzo de 2015 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.