publicidade hoxe

Cores Tourís clausura no Grove o obradoiro de emprego “Monte das flores V”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO GrovePontevedra
A-
A+
Cores Tourís na clausura do obradoiro

Cores Tourís na clausura do obradoiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu esta mañá a clausura do obradoiro de emprego “Monte das Flores V” de O Grove.

O obradoiro tivo unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investiu case 169.000 euros, “que xunto a achega económica do concello para material e equipamento chegarán ata case os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos foi preparar a 19 alumnos, aos que hai que sumar o persoal contratado para dar formación en Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e en Deseño de Produtos Gráficos: un director, una titora, unha administrativa e tres monitores.

As persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibiron o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que duraron estes proxectos.

O alumnado traballou durante estes meses atendendo sociosanitariamente a persoas residentes neste concello e xecutando servizos de deseño en distintos soportes, incluído multimedia, de materiais gráficos para o concello de O Grove.

Deste xeito, os participantes neste obradoiro de emprego recibiron hoxe os seus certificados de profesionalidade que teñen validez en todo o territorio nacional e que demostran a preparación e habilidades adquiridas, o que vai “incrementar moi significativamente” a súa empregabilidade, manifestou Cores Tourís, quen aproveitou a visita ao obradoiro de O Grove para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

O delegado territorial recordou que “este obradoiro tivo un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente”.

“Dende a administración autonómica somos conscientes da importancia da formación á hora de mellorar as posibilidades da busca de emprego, polo que seguiremos a apostar por este tipo de iniciativas”, engadiu.

Aos alumnos desexoulles sorte na busca de emprego e recordoulles que ademais da formación “é moi importante a labor social e de beneficio dos veciños realizada durante estes meses, xa que o voso traballo permitiu mellorar diversas zonas da cidade”.
O delegado territorial recordou que obradoiros como o de O Grove desenvolvéronse durante estes pasados meses en varios concellos da provincia de Pontevedra cun investimento que superou os 2,5 millóns de euros. “En concreto, na provincia beneficiáronse 242 persoas en 12 obradoiros de 22 concellos que puideron contar cun emprego nun momento de crise tan tremendo como o que estamos a vivir”. No caso da comarca de O Salnés, foron 4 os obradoiros postos en marcha e que agora comezan a rematar.

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar puxo o ano pasado en marcha un total de 53 obradoiros, que contaron cun investimento de preto de 10 millóns de euros e un número total de participantes que roldou os 1.300.

Segundo apuntou tamén o delegado territorial, a nova orde destinada a posta en marcha de obradoiros de emprego resolverase a próxima semana e destinará en Galicia 10 millóns de euros para obradoiros de emprego como os postos en marcha ata o momento, así como outros 6 millóns para obradoiros de mocidade. “Na provincia de Pontevedra presentáronse 25 solicitudes para obradoiros de emprego aos que optan 45 concellos, moitos deles agrupados. En canto aos obradoiros para menores de 25, presentáronse 16 solicitudes que aglutinan a 25 concellos”, rematou Cores Tourís.

26 de marzo de 2015 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.