publicidade hoxe

Concentración de estrelas Michelin na XXIV Festa do Ourizo de San Ciprián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCervoLocal Portada
A-
A+
Presentación da Festa do Ourizo

Presentación da Festa do Ourizo

O Concello de Cervo e os establecementos participantes presentaron hoxe o cartel e o programa da XXIV Festa do Ourizo que se celebra en San Ciprián o sábado 21 de marzo. Un acto ao que asistiron o alcalde, Alfonso Villares, a edil de Turismo, Begoña Alonso, e representantes dos bares e restaurantes onde, durante todo o día, cada un deles ofrecerá as súas especialidades de ourizo, dende as preparacións máis tradicionais ata as máis innovadoras.

De feito, a degustación en bares e restaurantes é a base desta festa de Interese Turístico Galego, na que os cociñeiros locais van renovando a súa carta, ofrecendo cada ano novas elaboracións, sempre co ourizo como ingrediente principal. Os establecementos participantes son: Pizzería A Sombriza, Cervexería O Encontro, Restaurante Boavista, Restaurante O Noso Lar, Mesón A Bodega, Pizzería O Trasgo, Bar Candal, Cafetería LuscoFusco, Bar Maruxaina e Bar O Pulgas.

Cociña en vivo

Os actos comezarán ás 12 h. coa inauguración das XV xornadas técnicas na carpa instalada na praza dos Campos, e ás 12:15 h. arrincará o espectáculo de cociña en vivo, no que catro cociñeiros con estrela Michelin prepararán paso a paso diferentes pratos de ourizo que o público poderá degustar de forma gratuíta. Nesta edición participarán os chefs Yayo Daporta, do restaurante Yayo Daporta de Cambados, e que foi xurado no programa de televisión Top Chef; Pepe Solla, do Restaurante Casa Solla de Poio, que xa estivera na festa hai dous anos; Rafael Centeno, do Restaurante Maruja Limón, de Vigo e Alberto González, do Restaurante Silabario de Tui, que xa cociñara o ano pasado.

Todos eles sorprenderán ao público con creacións e combinacións innovadoras e presentacións orixinais, ao igual que en edicións anteriores, nas que os chefs teñen mesturado o ourizo con cítricos, picante e incluso con sabores doces. Ao remate, tras a clausura, actuará o grupo de gaiteiros Rebolaxe de San Ciprián. Cabe destacar tamén que os asistentes poderán adquirir racións de ourizo cocido e cru na mesma carpa a un prezo módico.

Concurso gastronómico

O programa continuará co XIV Concurso gastronómico de Ourizo, no que os bares e restaurantes presentan pratos preparados especialmente para o certame (dous por local como máximo) e que despois tamén se poden degustar nos respectivos locais. Con esta iniciativa o Concello pretende “fomentar la creatividad y la innovación favoreciendo que los hosteleros sigan experimentando con este producto que tiene tantas posibilidades culinarias”, asegura a edil de Turismo.

Un xurado especializado valorará os pratos, atendendo tanto ao sabor como á presentación, a orixinalidade ou o aproveitamento do ourizo como ingrediente principal. A entrega de pratos por parte dos locais será ás 13:30 h. na carpa da praza dos Campos, e ás 14 h. o xurado probará cada proposta e deliberará. Ás 14:30 horas coñeceranse os gañadores do concurso e entregaranse os premios.

Ademais, as charangas Manca na Cheda (Mondoñedo), Charanga de Vilalba e Aturuxo (Ribadeo) e os gaiteiros de Airiños do Xunco (Cervo) amenizarán a degustación durante todo o día.

Alonso quixo agradecer aos bares e restaurantes que participan “su implicación en esta fiesta y su interés por renovar constantemente sus propuestas con erizo” así como por “mantener la tradición de consumir y exaltar este producto que forma parte de nuestra gastronomía, convirtiéndolo en un atractivo turístico”.  

13 de marzo de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.