publicidade hoxe

Comeza a campaña de visitas guiadas á Cova do Rei Cintolo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondoñedo
A-
A+

Ven de presentarse unha Unidade Didáctica sobre a cova do Rei Cintolo co fin de acadar un maior aproveitamento das visitas á cavidade por parte dos centros educativos.

A mesma saíu á luz grazas á colaboración entre o Excmo. Concello de Mondoñedo, o IES San Rosendo de Mondoñedo e a Excma. Deputación Provincial de Lugo.

A elaboración da unidade correu a cargo dos profesores do IES San Rosendo: María del Carmen Cerviño Gómez, Óscar Engroba Sal e José Ramón Pavón López.

A área de Cultura e Turismo e a área de Medio Ambiente do Concello de Mondoñedo coordinaron a edición e prepararon a maqueta sendo o encargado destes traballos o arqueólogo Abel Vigo e, por último, a Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo afrontou o financiamento.

A unidade didáctica abrangue tres áreas relacionadas coa cova: xeoloxía, bioloxía e arqueoloxía na que se inclúen contidos teóricos e actividades prácticas relacionadas con cada unha das áreas.

Na mesma inclúese un importante apartado gráfico así como zonas interactivas a través da inclusión de códigos QR para poder descargar da web imaxes, vídeos ou ferramentas.

Esta unidade é un complemento para as visitas guiadas que poidan facer centros educativos á cavidade e xunto con esta nova ferramenta didáctica comeza unha campaña de achegamento aos centros de ensino medio para facilitarlles aos profesores/-as das áreas implicadas a mesma, poñela ao seu dispor e potenciar as visitas á cova do Rei Cintolo como unha actividade extraescolar dun alto interese académico.

Campaña visitas guiadas 2015: Apertura día 15 de marzo.

A vindeira fin de semana a Cova do Rei Cintolo volta abrir a porta para recibir a todas as persoas que desexen realizar unha visita turística pola cavidade máis grande de Galicia. O día de apertura será o domingo día 15.

Nos vindeiros meses, ata xuño e incluído este último, tan so abrirá as fins de semana co seguinte horario:

Venres: 17.00 horas

Sábado e domingo; 12.00 horas e 17.00 horas

En Semana Santa as visitas serán xoves, venres sábado a domingo (de 2 a 5 de abril) en quendas de 12:00h e 17:00h.

Lembramos que para levar a cabo a visita deberase chamar con antelación á Oficina de Turismo de Mondoñedo; 982 507177. O prezo por persoa son 15 €, os grupos para entrar son minímo de catro e máximo de dez. Recomendase traer roupa vella, calzado de goma e unha muda, o resto do material é aportado pola organización.

6 de marzo de 2015 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.