publicidade hoxe

Clausúrase o obradoiro de emprego de Ames e Brión no que se formaron 22 alumnos en conservación e mellora de montes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAmesBrión
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración cos concellos de Ames e Brión, clausurou hoxe o obradoiro de emprego ‘Entre Ríos’ no que o departamento autonómico investiu preto de 200.000 euros. A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, entregou os diplomas aos 22 alumnos e alumnas que participaron nesta iniciativa mixta de formación e emprego.

Os participantes recibiron, por unha banda, formación en conservación e mellora de montes e, por outro lado, realizaron diversas actuacións de mellora nas dúas localidades: preservación dos ecosistemas da ribeira do Sar e o seu acondicionamento e sinalización de camiños: mellora e sinalización da ruta de Piñeiro e o contorno de Riamento, os seus pozos e pistas; actuacións silvícolas en Mercuto, Lapido, Saíme e Salaño; creación de faixas secundarias contra incendios en Mercuto; mellora de rutas de sendeirismo de Castro Lupario e Río Sar; Dos Ánxeles e Santa Minia; e río Tambre e Brión.

Díaz destacou que, con este tipo de actuacións, a Xunta está a apostar por “unha formación certificada que mellore os currículums dos traballadores e traballadoras ao permitir a obtención dun certificado de profesionalidade”. Neste senso, a directora xeral lembrou que a práctica totalidade dos cursos de formación para persoas desempregadas que financia a Consellería en 2014 están vinculados á obtención dun destes certificados de profesionalidade. Desde 2009, máis de 36.000 traballadores e traballadoras obtiveron un certificado de profesionalidade en Galicia.

Así mesmo, resaltou que os obradoiros de emprego están directamente vinculados á realización de obras de interese para a comunidade, ao tempo que supoñen “un importe espazo de colaboración” entre os concellos e a Xunta.

Na actualidade, están en marcha en toda Galicia un total de 53 obradoiros de emprego que contan cun financiamento de 10,2 millóns de euros. Nestes programas mixtos de formación e emprego están a participar 1.300 galegos e galegas. Deste global, na provincia da Coruña puxéronse en marcha 17 obradoiros que contaron cun investimento de 3,3 millóns de euros. Neles están a tomar parte 370 alumnos e alumnas.

Por último, Díaz indicou que desde a Xunta se está a traballar cada día por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral.

Investimento en emprego

En materia de emprego, o investimento da Consellería de Traballo e Benestar en Ames ascendeu a máis de 8,1 millóns de euros desde 2009 ata o día de hoxe. No ano 2014, o financiamento foi de 535.000 euros Entre outras actuacións, ademais do obradoiro, estase a desenvolver un programa integrado de emprego, en colaboración con Brión, con 80 participantes, no que a Consellería investiu preto de 150.000 euros. En total, desde 2009 puxéronse en marcha 5 programas integrados con 460 beneficiarios e 575.000 euros.

Así mesmo, e, en materia de emprego, financiáronse desde 2009, entre outras actuacións, un total de 101 accións formativas no municipio con 1.515 beneficiarios e un total de 5,7 millóns de euros de investimento. Ademais, o Concello contratou a 112 persoas a través dos plans de cooperación da Xunta aos que a Consellería destinou 1,4 millóns de euros desde 2009. Por último, no eido de emprego, Díaz destacou que o Concello contratou a 5 traballadores en situación de risco de exclusión a través da orde de contratación de perceptores da RISGA pola que o Concello recibiu 50.000 euros.

2 de marzo de 2015 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.