publicidade hoxe

Cedeira programa cine de estreo todo o mes e propón para domingo “Walesa”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Concello de Cedeira volve a apostar forte polo cine na súa programación cultural. E, a partir deste mes, inicia unha serie de proxeccións nas que a calidade e o reducido prezo das entradas –a 2,5 euros- son as características comúns das cintas. Así, este mesmo domingo, 15 de marzo, ás 18,30 horas o Auditorio Municipal da vila acollerá a proxección de “Walesa, la esperanza de un pueblo”. Estreada o pasado mes de xaneiro, e aínda en carteleira en moitos cines, trátase dun exitoso drama polaco dirixido por Andrzej Wajda. Céntrase nos 20 anos da vida de Lech Walesa, o líder do sindicato Solidaridad, premio Nobel da Paz en 1983 e primeiro presidente de Polonia tralo comunismo.

Andrzej Wajda sitúa ao espectador en 1970 en Gdansk durante as sanguentas represións das autoridades comunistas contra as manifestacións dos traballadores. Entre eles, Lech Walesa, un obreiro dun astaleiro que decidiu non seguir as normas marcadas e empezou unha revolución, que non só significaría o final da dictadura en Polonia, senón que ademáis faría tambalear a Unión Soviética.

Tomará o relevo a comedia francesa “Dios mío, pero qué te hemos hecho?”. Será o 22 de marzo, tamén ás 18,30 horas. Nominada á Mellor Película Europea nos Premios Goya, obtivo un enorme éxito de taquilla en Francia, con máis de doce millóns de espectadores, convertíndoa na película con maior recadación no 2014. Aborda a historia dun matrimonio católico e moi conservador, con catro fillas, ás que trataron de inculcarlle os seus valores e principios. Porén, as rapazas só lles dan disgustos: a maior casa cun musulmán, a segunda cun xudío e, a terceira, cun chinés. E, neste contexto, depositan todas as súas esperanzas na filla menor, esperando que a lo menos ela se case pola igrexa.

Pechando o mes, o 29 de marzo, chega á pantalla do Auditorio Nightcrawler. Un filme estadounidense dirixido por Dan Gilroy e interpretado por Jake Gyllenhaal, Rene Russo e Riz Ahmed. Un thriller nominado nos Oscar 2014 ao mellor guión orixinal; nos Globos de Oro ao mellor actor, ao igual que nos Premios BAFTA e gañadora nos Independent Spirit Awards como mellor ópera prima e mellor guión. Trata a historia de Lou Bloom que, tras ser testemuña dun accidente, descubre o mundo do periodismo criminalista na perigosa cidade de Los Angeles.

10 de marzo de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.