publicidade hoxe

Cedeira celebrará o venres a XIV edición da súa Festa do Deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraDeportes
A-
A+

Cedeira acollerá este venres, 20 de marzo, a XIV edición da súa Festa do Deporte. Unha cita promovida polo Concello e os clubes e entidades deportivas da localidade para recoñecer o esforzo, a adicación, méritos e outros valores dos mellores deportistas cedeireses do ano. E unha cita que, edición tras edición, veciños e veciñas secundan masivamente para arroupar aos seus deportistas.

Neste 2015, a Festa do Deporte dará comezo ás oito da tarde no Auditorio Municipal. E, novamente, sucederánse as proxeccións nas que se repasarán os logros colleitados por cada un dos premiados nas diferentes categorías -remo, fútbol, deportes adaptados, bádminton, natación, hípica galega, BTT enduro, jiu-jitsu brasileiro, triatlón, atletismo e karate-. Todos eles, propostos polos seus respectivos clubes e, de entre todos, elixiráse ao Mellor Deportista Cedeirés do ano 2014. Premio que entregará o alcalde, Luis Rubido. Este ano, e tras as primeiras votacións, tres aspirantes optan ao galardón: Noemi Martín Piñón (remo); Cristian Crespo Taboada (deportes adaptados) e Andrés Rodríguez López (jiu-jitsu).

Durante a Festa, Concello e clubes tamén entregarán as mencións especiais, nas que se destacará o traballo e bo facer doutros deportistas e xente relacionada coa familia deportiva cedeiresa. Estes son: a Asociación Sobre Rodas, Óscar Pérez Pérez (Parrulo FS), Alejandro Martínez López e Bernardino Rodríguez Cheda (Cedeira SD), Dolores López Lorenzo, Hilda Martínez López, Josefa Pérez Pérez e Mercedes Díaz (Bádminton Cedeira), Enrique Losada Pita (a título póstumo, da Sociedade Caza e Pesca), Equipo Sénior do Taekwondo Cedeira, Daniel Galdo Lagares (Kickboxing) e José Luis Bellas Rodríguez “Telís”, pola sua traxectoria de toda unha vida adicada ao fútbol dende xogador, adestrador e presidente. Completa esta lista a homenaxe que se lle rendirá a Rosi García Díaz, compañeira e traballadora da Concellería de Deportes, cuxo pasamento deixou un fondo pesar no departamento municipal e tamén en moitos dos veciños e veciñas de Cedeira xa que ela foi mestra de milleiros de nenos e nenas que, con ela, aprenderon a nadar.

Así mesmo, como vén sendo tónica habitual, non faltarán deportistas da elite nacional, que participarán na entrega de premios. Unha cita moi emotiva e con grandes sorpresas da gran familia deportiva de Cedeira que ninguén se pode perder.

CATEGORÍAS E PREMIADOS

Fútbol: o primeiro equipo do Cedeira SD, polo seu ascenso a 1ª Autonómica.

Remo: Noemi Martín Piñón, campiona galega e bronce no Campionato de España de Remo Olímpico e campiona galega de remoergómetro, individual e por equipos; Raúl López Iglesias, campión galego e bronce no Campionato de España de Remo Olímpico, 4º no campeonato galego de remoergómetro individual e bronce por equipos.

Bádminton: Elena López Lourido, campiona intercomarcal e bronce no provincial individual cadete; Diego Loureiro Taracido, subcampeón no intercomarcal e campión no provincial individual cadete.

Deportes adaptados: Cristian Crespo Taboada, campión galego de natación, baloncesto e ouro no provincial de atletismo.

Hípica galega: Fernando Mera González, campión galego de andadura galega.

BTT enduro: Raúl Bustabad Yáñez, 5º no Campionato galego Promoción, Scratch Enduro.

Kárate: Santiago Cortizas Fuentes, cinturón negro, sendo prata en kata II Vila de Cedeira e bronce en kata Open Cidade de Ferrol.

Jiu-jitsu: Andrés Rodríguez López, ouro nos opens de Santiago, Madrid, Aveiro e Porto.

Natación: equipo alevín Club Natación Cedeira.

Atletismo: equipo de atletismo Club Natación Cedeira.

Triatlón: equipo de triatlón Club Natación Cedeira.

18 de marzo de 2015 | 11:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.