publicidade hoxe

Brión celebra o V Festival de Música de Cámara con 37 actuacións de noventa alumnos da ESMU Magariños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá mañá venres 27 de marzo, ás 20:00 horas, a quinta edición do Festival de Música de Cámara (FECAM 2015), que incluirá un total de 37 actuacións de máis de noventa alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música Magariños. Un festival que está organizado pola Escola Municipal de Música Magariños e que conta coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Durante dúas horas, o alumnado ofrecerá unha recompilación de pezas de carácter camerístico, a gran maioría de corte clásico pero tamén con algunha peza moderna como as bandas sonoras de Piratas do Caribe e de Os nenos do coro. A entrada é libre e de balde ata completar aforo. De feito, e coa previsión de que o auditorio se encha con rapidez como aconteceu en anteriores edicións, dende a escola de música decidiron facer dúas partes no concerto (ás 20:00 e ás 21.00 horas) para que así os familiares que xa viran actuar aos seus pequenos e non desexen estar as dúas horas, poidan marchar e deixar o seu sitio a outras familias.

Os rapaces actuarán en duetos, tríos e cuartetos, interpretando sobre todo pezas clásicas. O director da ESMU Magariños, Carlos Pintor, explica que “a práctica da música de cámara cumpre unha función decisiva no desenvolvemento do oído musical, en todos os seus aspectos. O repertorio camerístico constitúe o medio idóneo para que o alumnado desenvolva o sentido da afinación, desenrolo que non pode deixar de ser instintivo e mimético, que se resiste a ser ensinando ou transmitido por métodos racionais e que require unha larga praxe musical, preferentemente en conxunto”.

26 de marzo de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.