publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Benestar investirá 1,5 millóns de euros na construción da residencia e centro de día de Vilardevós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilardevós
A-
A+
Beatriz Mato no anuncio do inicio da construción do centro de día de Vilardevós

Beatriz Mato no anuncio do inicio da construción do centro de día de Vilardevós

A Consellería de Traballo e Benestar investirá 1,5 millóns de euros na construción dunha nova residencia e centro de día no concello de Vilardevós, que ofertará, tras a súa finalización, 24 prazas residenciais e 40 de atención diúrna.

Así o destacou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa visita hoxe á parcela onde se acaba de iniciar a súa construción, que ten un prazo estimado de execución duns 18 meses.

Esta infraestrutura ofrecerá aos usuarios “atención de proximidade e de calidade”, e actuará como unha ferramenta de prevención, promoción da autonomía persoal e fomento do envellecemento activo. “Traballamos co obxectivo de que as persoas maiores non só poidan vivir máis anos, senón que o poidan facer libres das situacións de dependencia”, subliñou.

Será a primeira instalación pública para persoas maiores do concello de Vilardevós, e a segunda de toda a comarca de Verín, tras o centro de día de Oímbra, con capacidade para 21 usuarios.

“Isto quere dicir que a súa posta en marcha vai elevar ata 85 as prazas públicas para maiores da comarca. Isto significa multiplicar por catro as que había en 2009”, salientou Mato. Esta aposta inscríbese no traballo do Goberno galego por ofrecer “mellores servizos e recursos” ás familias galegas. Grazas a este esforzo, as prazas públicas para maiores téñense incrementado en máis de 3.100 desde 2009, un 50 por cento máis. En concreto, na provincia de Ourense este aumento foi de 256 prazas, un 20 por cento.

Colaboración en emprego

Durante a súa visita, Mato puxo en valor que a colaboración co concello de Vilardevós non se limita só á construción desta nova infraestrutura social, senón que tamén se estende a outros eidos, como o laboral.

Neste caso en concreto, destacou que nos últimos seis meses desenvolveuse no concello o obradoiro de emprego “San Antón”, en colaboración con Verín, que deu formación e un posto de traballo a 20 persoas desempregadas dos dous municipios. Para a posta en marcha desta iniciativa, o departamento autonómico investiu 180.000 euros. Ademais, este programa mixto de formación e emprego veu a dar continuidade ao que xa se desenvolveu en 2013 e 2014.

Vilardevós é, ademais, un dos 21 concellos de toda Galicia que ten participado o pasado ano na experiencia piloto de formación dual, cun total de 6 contratos. A formación dual ofrece contratos para menores de 30 anos en situación de desemprego, asociados unha actividade formativa dun mínimo do 25% da xornada laboral e cun salario acorde ao convenio colectivo. A provincia de Ourense foi a que máis participou en 2014 nesta experiencia piloto, que facilitou a contratación de 188 persoas en toda Galicia.

Nos próximos días, publicarase unha nova convocatoria desta orde co fin de consolidar este programa. Contará con 2,65 millóns, dos que 1,3 millóns corresponderanse coa colaboración coas entidades locais.

18 de marzo de 2015 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.