publicidade hoxe

Benestar destina 750.000 euros ao mantemento anual de 81 prazas públicas de discapacidade en Cee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCee
A-
A+

A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou hoxe en Cee o centro ocupacional para persoas con discapacidade de Aspadex, que conta con 66 prazas e un mantemento anual de 566.000 euros. Esta entidade conta tamén cun centro de día de 15 prazas en Cee, que supón unha inversión de 187.000 euros anuais. Polo tanto, a Consellería de Traballo e Benestar está a destinar máis de 750.000 euros para o mantemento anual de 81 prazas públicas para persoas con discapacidade nesta localidade.

Piñeiro percorreu as instalacións e mantivo un encontro cos directores, cos traballadores e cos propios usuarios do centro ocupacional para coñecer de primeira man as súas demandas e pulsar a realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario. A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.

Visita a Outes

Co mesmo obxectivo, a secretaria xeral trasladarase esta tarde ata Outes para visitar o centro ocupacional de Adisbismur, na parroquia de Valadares. Dito centro conta con 18 prazas sostidas con fondos públicos ás que a Xunta destina 126.000 euros. Así mesmo, a entidade conta tamén cun centro de día con 14 prazas sostidas con fondos públicos, ás que o departamento autonómico destina 175.000 euros anuais. En total, a Consellería mantén 32 prazas para persoas con discapacidade cun orzamento de máis de 300.000 euros anuais.

Piñeiro destacou que a discapacidade é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar está a destinar este ano a este eido 100 millóns de euros, un 3 por cento máis que en 2014. Por segundo ano consecutivo aumentan as partidas para atender ás persoas con discapacidade, segundo destacou, ao tempo que lembrou que o obxectivo prioritario do Goberno galego é ofrecer a estas persoas unha atención integral, tanto en materia social, como en emprego.

30 de marzo de 2015 | 15:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.