publicidade hoxe

Augardentes e Licores de Galicia organiza unha xornada de degustación no casino da Toxa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

O Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galicia organiza para este sábado 14 de marzo unha xornada de degustación e maridaxe no Casino A Toxa. Esta actividade, de carácter gratuíto, desenvolverase a partir das 21.00 horas.

A sesión constará de dúas partes. A primeira delas, que se desenvolverá no Salón Alea, consistirá nunha cata onde os asistentes poderán coñecer as distintas variedades de produtos amparados polo Consello Regulador: augardente e augardente de herbas e licor café e de herbas. Tamén haberá un showcooking no que o xefe de cociña Mark Wernink -que xa sorprendeu coas súas receitas nas Xornadas de Degustación e Maridaxe organizadas polo CR en Cambados- será o encargado de elaborar un prato para despois dar paso ao director de Hostalaría do Casino A Toxa, José Soto, que elaborará en directo un cóctel con estes produtos.

Finalmente, prepararase para todos os asistentes unha degustación de catro pratos elaborados con augardentes e licores amparados polo Consello Regulador. Completarase esta degustación con dous cócteles.

Esta iniciativa forma parte do plan de promoción do Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. O seu presidente, José Antonio Feijoo, destacou que este tipo de sesións “nos axudan non só a promover as nosas augardentes e licores, senón tamén a concienciar o público sobre a importancia de consumir produtos de calidade”. Ao mesmo tempo, mostrouse moi satisfeito e agradecido por poder contar coa colaboración do Casino A Toxa para desenvolver esta xornada aberta ao público en xeral (logo de inscrición).

Pola súa banda, José Soto asegurou que esta actividade -incluída dentro da súa programación anual- resulta “moi positiva. Non só se centra en formar os asistentes, senón tamén en informalos sobre a importancia de levar a cabo un consumo responsable”, afirmou.

A Xornada de Degustación e Maridaxe con Augardentes e Licores de Galicia é de carácter gratuíto e dispón dun total de cincuenta prazas. Para inscribirse hai que chamar ao teléfono 986 731 000 ou ben enviar un correo electrónico a infocasinolatoja@cirsa.com. As prazas adxudicaranse por estrita orde de inscrición.

10 de marzo de 2015 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.