publicidade hoxe

As obras de mellora da travesía da Pobra de San Xiao, en Láncara, finalizarán en xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLáncara
A-
A+

As obras de mellora que se están a executar na travesía da Pobra de San Xiao, no Concello de Láncara, estarán rematadas este próximo mes mes de xuño. Así o adiantou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, na súa visita a estas actuacións, que comezaron no mes de febreiro.

A titular de Infraestruturas destacou que se trata dunha intervención de gran importancia para este municipio, que ten como obxectivo a mellora integral dun treito da estrada que une A Pobra de San Xiao e Baralla (LU-621), coñecido como rúa Valdriz, que discorre polo núcleo urbano.

A mellora que se está levando a cabo consiste na renovación das beirarrúas; rehabilitación do firme; e na reposición e renovación do alumeado público e das redes de saneamento, pluviais e abastecemento naqueles treitos nos que é necesario.

Actualmente estase traballando só na marxe esquerda, onde se demoleron as beirarrúas existentes nuns 370 metros, renovouse a canalización de abastecemento e instalouse a rede separativa de pluviais –a existente era unitaria- con tubaxe de PVC, incluíndo pozos de rexistro e conexión de acometidas domiciliarias. Ademais, neste treito colocáronse os bordos prefabricados e a canalización subterránea para iluminación pública, realizouse o afirmado da beirarrúa mediante lastro artificial e formigonado, que servirá de base para a colocación das losetas.

Vázquez explicou que unha vez finalizada a actuación, os veciños deste concello contarán cunha travesía totalmente renovada, máis funcional e accesible e con redes de servizos axeitadas ás necesidades actuais.

A conselleira de Medio Ambiente subliñou que esta actuación pon de manifesto, unha vez máis, a aposta e o compromiso da Xunta de dotar aos municipios galegos de mellores infraestruturas e máis servizos que inciden directamente nun maior benestar dos cidadáns.

18 de marzo de 2015 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.