publicidade hoxe

As obras de mellora da intersección desde A Castellana – Sobrado (AC-231) ao núcleo da Carballeira finalizarán en abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAranga
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a mellorar o acceso á estrada autonómica AC-321 (A Castellana – Sobrado) desde o vial municipal que conduce á Carballeira. O director da Axencia galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou esta mañá os traballos que se están a executar e que se a meteoroloxía acompañe rematarán no mes de abril, sinalou o director da Axencia Galega de Infraestruturas.

A actuación ten por obxecto mellorar a seguridade viaria da intersección existente no punto quilométrico 1+770 da estrada AC-214, na súa marxe esquerda. Na actualidade, a visibilidade dispoñible para os vehículos que pretenden incorporarse á vía autonómica en sentido A Castellana é reducida por mor do cambio de rasante existente nas proximidades. As obras que se están a levar a cabo consisten na execución dun carril de aceleración, co fin de que os vehículos accedan á AC-214 con maior visibilidade, ao tempo que se permite a adecuación da velocidade dos vehículos que se incorporan.

Así, é necesario realizar movementos de terra e traballos de pavimentación do novo carril, nunha lonxitude aproximada de 100 metros, tamén será preciso trasladar a obra de drenaxe existente e executarase unha nova cuneta. Finalmente, adecuarase a sinalización horizontal e a vertical.

A actuación, que se está a levar mediante o contrato de conservación integral, suporá un investimento aproximado de 25.000 €, terá unha duración aproximada de dúas semanas, polo que en abril estarán rematadas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Este tipo de traballos son unha mostra das actuacións que a Consellería que dirixe Ethel Vázquez leva a cabo para mellorar a seguridade viaria nas estradas pertencentes á Xunta de Galicia.

12 de marzo de 2015 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.