publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As axudas ao sector lácteo increméntanse nun 63% no novo período de aplicación da Política Agrícola Común

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaSanta Comba
A-
A+
XVII poxa de xovencas de Santa Comba

XVII poxa de xovencas de Santa Comba

As axudas anuais acopladas (asociadas) ao sector lácteo increméntanse desde os 57 aos 94 millóns de euros no novo período de vixencia da Política Agrícola Común (PAC), o que significa que medran nun 63%. Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na súa intervención con motivo da XVII poxa de xovencas de Santa Comba.

Rosa Quintana destacou tamén que, con estes datos, por unha vaca de leite pola que se cobraban 28 euros pasarase a percibir 118, e onde só había dereitos para o 53% das vacas de carne, agora haberá para o 100%.

A titular de Medio Rural e Mar indicou ademais que neste tipo de pagos acoplados priorizáronse os sectores gandeiros fronte ao resto, e así destináronse 490 millóns de euros da bolsa destes pagos a este ámbito produtivo en España, o que supón o 84% do conxunto das axudas acopladas.

A conselleira garantiu que “os gandeiros non perderán ningunha das axudas que viñan percibindo, nin nos pagos directos nin no desenvolvemento rural” e engadiu que “polo que respecta ao resto das axudas non perdemos nada con respecto ao período 2007-2013”.

Neste contexto, Rosa Quintana advertiu que “desde a Consellería do Medio Rural e do Mar promovemos e impulsamos a idea do rural como fonte de traballo, como oportunidade e como motor económico”. E o facemos –dixo– “porque estamos convencidos desa realidade, porque sabemos que o rural ten futuro e por iso, xa desde o ano 2009, o Goberno galego adoptou medidas encamiñadas a mellorar a competitividade das explotacións, a súa capacidade financeira e a estrutura comercial do sector”.

A titular de Medio Rural e Mar engadiu que na defensa, promoción e potenciación do noso agro, e especialmente do sector gandeiro, Galicia participou activamente nas propostas para a elaboración dunha nova Política Agraria Común.

8 de marzo de 2015 | 01:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.