publicidade hoxe

Adxudícanse máis de 75.000 metros cadrados de solo empresarial en Carballo e Ponteceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarballoPonteceso
A-
A+

O Consello de Administración da empresa pública Xestur vén de adxudicar, no marco do concurso de venda de solo con prezo bonificado, un total de 74.875 metros cadrados no parque empresarial de Bértoa, no Concello de Carballo.

A superficie adxudicada está repartida en dez parcelas, que van dos 717 aos 35.063 metros cadrados de superficie individual.

Unha vez rematado o concurso, as parcelas restantes poden ser adxudicadas directamente, inda que nas mesmas condicións e prezo establecidos polo prego de bases polo que se rexeu o concurso de venda.

No parque empresarial de Bértoa quedan dispoñibles 108 parcelas, cunha superficie total de 284.470 metros cadrados. O prezo de venda, unha vez aplicada a bonificación do 50 por cento, oscila entre 30,56 e 42,35 euros por metro cadrado.

As bonificacións sobre o prezo de venda serán de aplicación ás adxudicacións realizadas antes do 30 de novembro de 2015 e para un máximo de 500.000 metros cadrados de solo vendido no conxunto dos parques empresariais propiedade de Xestur.

Por outra parte, tamén se adxudicaron as tres únicas parcelas dispoñibles no parque empresarial de Ponteceso, cunha superficie total de 750 metros cadrados.

O prezo total das vendas en Carballo e Ponteceso acada os 2.452.583,22 euros, o que supón unha bonificación de máis de 2,4 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, xa que a bonificación aplicada nestes parques empresariais é do 50 por cento.

Novos incentivos

No conxunto de Galicia vendéronse neste concurso preto de 200.000 metros cadrados de solo empresarial, con bonificacións no prezo de ata o 50%.

Os adxudicatarios comprométense a construír as súas instalacións e obter licenza de actividade nun período de tres anos, polo que a adxudicación de solo suporá unha importante achega á economía da zona. Así, cos resultados da primeira fase de venda prevese un investimento de 105 millóns de euros e a creación de 3.500 empregos directos e indirectos.

En total presentáronse ao concurso 68 ofertas por un total de 90 parcelas emprazadas en 20 parques empresariais das catro provincias galegas.

Nunha segunda fase, o IGVS sacará a concurso bonificado o solo da súa propiedade en abril, sendo preto de 470.000 metros cadrados, con bonificacións de ata o 50 por cento.

3 de marzo de 2015 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.