publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A XXIX Feira do Queixo do Cebreiro porá á venda máis de 2.000 quilos de queixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, presentaron este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a XXIX Feira do Queixo do Cebreiro, que acollerá este venres, 3 de abril, dito municipio. O organismo provincial colabora un ano máis co Concello na celebración desta cita cunha achega económica de 2.000 euros. “Enmárcase na nosa aposta por potenciar a comercialización dos produtos autóctonos de calidade, como o queixo do Cebreiro, un queixo único dun lugar único”, subliñou Méndez. Este certame é de feito unha das máis de 50 actividades que teñen lugar nuns 40 Concellos lugueses que contan co financiamento da Deputación, grazas aos máis de 3,6 millóns de euros do Plan Estratéxico de Subvencións, dirixido a potenciar os principais sectores produtivos da provincia: agricultura, gandería, pesca, comercio, turismo ou artesanía.

No acto, no que tamén estivo presente o Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida do Cebreiro, Enrique Fernández, e a coordinadora da feira, Susana García, a Vicepresidenta subliñou a estreita colaboración que se estableceu entre Deputación e Concello de Pedrafita para impulsar esta cita, que en anteriores edicións acadou un volume de negocio de preto de 6.000 euros, chegando a vender os produtores unha media de 2.000 unidades deste produto.

“Nos últimos anos as vendas deste produto, que conta co distintivo de Denominación de Orixe Protexida –DOP-, aumentaron en máis dun 30% grazas a iniciativas como esta feira, oportunidade que non podemos deixar escapar para potenciar a calidade dos nosos produtos e á súa comercialización como vía para revitalizar o sector primario”, sentenciou Lara Méndez.

“Esta cita é un importante pulo para revitalizar a economía da Montaña luguesa, posto que estimula as vendas das 4 queixerías que se engloban baixo esta denominación, que acadaron unha produción no ano 2013 de máis de 29,6 quilos de queixo e un volume económico de 237.000 euros. Respaldar este certame significa apostar polo noso: pola nosa cultura gastronómica, pola nosa tradición, polos nosos produtos autóctonos e pola nosa paisaxe”.

Pola súa banda, Raposo agradeceu a colaboración, un ano máis, da Deputación para organizar esta cita gastronómica, na que cada ano se dan cita máis visitantes.

A Vicepresidenta tamén lembrou as iniciativas postas en marcha pola institución luguesa para promover os produtos autóctonos, tales como a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, “que conta hoxe con máis de 500 produtos e servizos que ofrecen máis de 150 empresas, sendo o queixo de arzúa o 1º produto que se incorporou a este mercado virtual”, sinalou Méndez.

70 expositores e máis de 2.000 quilos de queixo con denominación

No evento gastronómico deste venres participarán 70 expositores que porán á venda máis de 2.000 quilos de queixo a prezos de entre 5 e 6 euros. Nos stands tamén estarán dispoñibles outros produtos gastronómicos con indicativos de calidade así como obxectos artesanais. As actividades arrancarán ás 09:30 horas, coa apertura ao público dos stands, e prolongaranse durante toda a xornada, que estará ambientado por grupos de música e baile tradicionais. A xornalista Pilar Cheda será a encargada de pregoar esta feira que homenaxea a un queixo que conta con séculos de tradición.

31 de marzo de 2015 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.