publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta saca a licitación a segunda fase da rede de abastecemento de Cospeito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeitoLugo
A-
A+
Raquel Arias en Cospeito

Raquel Arias en Cospeito

A delegada territorial, Raquel Arias, anunciou hoxe a licitación da segunda fase das obras de mellora e ampliación da rede de abastecemento de Cospeito. Fixo o anuncio precisamente durante a visita que realizou, xunto co alcalde, Armando Castosa, á estación de tratamento de auga potable (ETAP) que, xunto coa construción da condución principal e un depósito con capacidade para 1.500 metros cúbicos, conformaron as obras incluídas na primeira fase.

Con esta segunda fase, que contará cun investimento de preto de 710.000 euros, darase servizo ás parroquias de Pino, Rioaveso, Seixas, Sistallo, Tamoga e Vilapene, co que practicamente quedará cuberto o subministro de auga en todo o municipio.

A actuación, ademais da construción dunha rede principal, cunha lonxitude de preto de 5,5 quilómetros, á que se conectarán catro ramais secundarios, que sumarán en conxunto máis de 7.200 metros de lonxitude, prevé reforzar o depósito de Feira do Monte para incrementar a súa capacidade.

Arias subliñou o “importante esforzo inversor realizado pola Xunta” que “permitirá garantir un servizo de calidade que aportará a cantidade de auga precisa para cubrir as necesidades existentes, independentemente da época do ano da que se trate”, dado que, ó reforzar o depósito existente en Feira do Monte, “poderá garantirse un caudal constante de 3,5 litros por segundo”.

Cando rematen as obras, cuxa adxudicación sairá publicada mañá no Diario Oficial de Galicia e que terá un prazo de execución de sete meses, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas terá investido nesta infraestrutura, a través de Augas de Galicia, algo máis de 2,1 millóns de euros.

17 de marzo de 2015 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.