publicidade hoxe

A Xunta investirá máis de 90.000 euros na mellora dos camiños ruraisen Malpica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMalpica de Bergantiños
A-
A+
Belén do Campo en Malpica

Belén do Campo en Malpica

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá Malpica de Bergantiños para analizar xunto co alcalde, Eduardo Parga, o proxecto de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio, ao abeiro dos fondos do Plan marco de mellora de camiños correspondente ao exercicio 2014-2015, que este ano estará cofinanciado pola Consellería do Medio Rural e a Deputación da Coruña. Así, o concello disporá dunha achega de 90.223 euros para levar a cabo estas actuacións nos vindeiros meses, o que supón un incremento de ata o 70% respecto á convocatoria anterior.

Segundo lle trasladou a rexedora a Do Campo, en breve comezarán as obras para mellorar seis pistas municipais nos lugares de Ardeleiro, Mens, San Antonio, Seixas, Raxeira e Aviño. As actuacións consistirán na mellora da capa de rodadura, co arranxo de fochas, tratamento asfáltico superficial e limpeza e perfilado de noiros e cunetas. En total, traballarase sobre 2,7 quilómetros de vías.

A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou a súa estancia no municipio para supervisar tamén o resultado dos traballos levados a cabo a través deste plan no período 2013-2014, cando o concello recibiu outra achega de 52.815 euros. Nese caso, realizáronse labores de mantemento sobre 1,5 quilómetros de pistas, localizadas nos núcleos de Vigo e Filgueira, nas parroquias de Vilanova e de Cerqueda, respectivamente.

Segundo coincidiron Do Campo e Parga, o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

Do Campo tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Malpica. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle ao primeiro edil “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

11 de marzo de 2015 | 13:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.