publicidade hoxe

A Xunta investirá 131.000 euros na mellora dos camiños rurais do concello de Toques

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaToques
A-
A+
Belén do Campo na visita a Toques

Belén do Campo na visita a Toques

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá Toques para analizar xunto co alcalde, José Antonio Castro, o proxecto de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio, ao abeiro dos fondos do Plan marco de mellora de camiños correspondente ao exercicio 2014-2015, que este ano estará cofinanciado pola Consellería do Medio Rural e a Deputación da Coruña. Así, o concello disporá dunha achega de 86.515 euros para levar a cabo estas actuacións nos vindeiros meses, o que supón un incremento de ata o 91% respecto á convocatoria anterior.

Segundo lle trasladou o rexedor a Do Campo, en breve comezarán as obras para mellorar seis pistas municipais localizadas nas parroquias de San Xulián-Vilamor, Capela e Paradela. As actuacións consistirán na mellora da capa de rodadura e da sinalización, no arranxo de fochas e na limpeza e perfilado de cunetas nos camiños de Mangoeiro, Codesás, Morcigueira, Abucide-Río Muíños, Os Curros e San Xulián-Buxán. En total, traballarase sobre algo máis de cinco quilómetros de vías rurais.

A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou a súa estancia no municipio para supervisar tamén o resultado dos traballos levados a cabo a través deste plan no período 2013-2014, cando o concello recibiu outra achega de 45.080 euros. Nese caso, realizáronse labores de mantemento sobre o camiño de San Xulián. Esta pista ten unha lonxitude de 700 metros e nela acometeuse o acondicionamento da capa de rodadura.

Segundo coincidiron Do Campo e Castro, o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

A máxima representante do Goberno galego na provincia tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Toques. Así, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á primeira edil “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

5 de marzo de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.