publicidade hoxe

A Xunta fomenta a corresponsabilidade para a plena incorporación da muller ao mercado laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Cabanas que unha das prioridades do departamento que dirixe é o fomento da conciliación responsable, “xa que resulta básica para conseguir a incorporación plena da muller ao mercado laboral e a súa permanencia nel”.

A secretaria xeral acudiu como invitada ao CEIP Eladia Mariño, no que foi encargada da presentación das súas ‘Xornadas de Corresponsabilidade’. No acto tamén participaron o alcalde da localidade, Germán Castrillón, e Cristina Justo, que presentou un estudo sobre o grao de corresponsabilidade na comunidade educativa do centro cabanés.

Durante a súa intervención, López Abella insistiu en que “non hai igualdade sen corresponsabilidade” e que a conciliación non é un “problema das mulleres” senón da sociedade na súa totalidade, polo que tanto homes como mulleres deber ser solidariamente responsables. “Reforzar o papel dos homes neste eido é fundamental e o seu compromiso, imprescindible”, remarcou a titular de Igualdade.

Para axudar a combater ese desequilibrio, a Xunta ten en marcha diversas medidas en prol da conciliación e a corresponsabilidade e xa no VI Plan de Igualdade do Goberno galego contempla actuacións de estímulo neste eido, agrupadas nun eixo concreto, denomindao “Conciliación corresponsable e calidade de vida”.

Así, por exemplo, cada ano Igualdade convoca axudas económicas para homes e familias monoparentais que reducen a súa xornada laboral para o coidado de fillos/as menores de tres anos. Desde o ano 2007, en que se crearon, recibiron estas axudas 1.349 homes e 445 nais de familias monoparentais. O investimento superou os 4,3 millóns de euros.

Tamén se convoca anualmente outra orde de axudas destinadas aos concellos, cunha liña subvencionable específica para ‘Programas de conciliación’; e o programa Emega para o fomento do emprendemento feminino conta cunha axuda económica para programas de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar (‘Liña Concilia’). As axudas económicas desta última van dos 1.000 aos 8.000 euros por empresa.

Por último, a Secretaría Xeral da Igualdade tamén conta cunhas axudas para as ANPA, para a realización de programas de actividades extraescolares e complementarias. Esta liña de axudas achegará 250.000 euros, cofinanciados con fondos do Fondo Social Europeo, e deben estar dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial e ter como fin contribuír á conciliación da vida familiar e laboral.

13 de marzo de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.