publicidade hoxe

A Xunta destinou preto de 210.000 euros para o arranxo de camiños rurais de Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCurtis
A-
A+
Belén do Campo en Curtis

Belén do Campo en Curtis

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta tarde Curtis para analizar xunto co alcalde, Javier Caínzos, o proxecto de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio, ao abeiro dos fondos do Plan marco de mellora de camiños correspondente ao exercicio 2014-2015, que este ano estará cofinanciado pola Consellería do Medio Rural e a Deputación da Coruña. Así, o concello disporá dunha achega de 132.199 euros para levar a cabo estas actuacións nos vindeiros meses, o que supón un incremento de case un 70% respecto á convocatoria anterior.

Segundo lle trasladou o rexedor a Do Campo, antes do 31 de xuño estarán rematadas as obras para mellorar tres pistas municipais que dan acceso aos lugares de Gorxá, Brixería e Mandeo-Os Castiñeiros-San Cristovo. As actuacións consistirán na mellora da capa de rodadura, co arranxo de fochas, tratamento asfáltico superficial e limpeza e perfilado de noiros e cunetas. En total, traballarase sobre 3 quilómetros de vías.

A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou a súa estancia no municipio para supervisar tamén o resultado dos traballos levados a cabo a través deste plan no período 2013-2014, cando o concello recibiu outra achega de 77.729 euros. Nese caso, realizáronse labores de mantemento sobre un quilómetro de pistas: por unha banda, a que une a estrada N-634 e Pereiras e, por outra, a que vai de Illana a Boipardo, correspondentes ambas á parroquia de Fisteus.

Segundo coincidiron Do Campo e Caínzos, o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

Do Campo tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Curtis. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle ao primeiro edil “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

16 de marzo de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.