publicidade hoxe

A Xunta destina 130.000 euros ao arranxo dun camiño rural do Concello de Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta tarde Touro para supervisar, xunto co alcalde, Ignacio Codesido, o proxecto de reparación dun camiño rural do concello, do que se iniciarán as obras nos vindeiros días. Trátase dunha actuación enmarcada no Plan marco de mellora de camiños correspondente ao exercicio 2014-2015, que este ano estará cofinanciado pola Consellería do Medio Rural e a Deputación da Coruña. Así, o concello disporá dunha achega de 131.263 euros para levar a cabo estes traballos nas próximas semanas.

Do Campo explicou que estas obras estarán rematadas antes do 31 de xuño. Trátase da reparación da pista que vai desde A Xesteira ao límite do municipio, duns 2,35 quilómetros de lonxitude. Nesta, mellorarase a capa de rodadura, co arranxo de fochas, tratamento asfáltico superficial e limpeza e perfilado de noiros e cunetas.

A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou a súa estancia no municipio para supervisar tamén o resultado dos traballos levados a cabo a través deste plan no período 2013-2014, cando o concello recibiu outra achega de 75.153 euros. Nese caso, realizáronse labores de mantemento nun quilómetro do camiño que vai de Touro a Santaia.

Segundo apuntou a delegada territorial, o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

Do Campo tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Touro. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”.

30 de marzo de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.