publicidade hoxe

A Xunta convoca 3 permex e 11 habilitacións para percebe nas confrarías de Cariño, Camelle e Malpica

A Consellería do Medio Rural e do Mar convoca 3 permisos de explotación e 11 habilitacións (tripulantes habilitados en embarcacións) para a extracción de percebe dende embarcacións nas confrarías de pescadores de Cariño, Camelle e Malpica. Esta nova incorporación é unha mostra máis da aposta da Xunta pola xeración de actividade e o incremento dos postos de traballo para a incorporación de xente nova ao marisqueo.

Na confraría de Cariño convócase 1 permiso de explotación de embarcación con 2 habilitacións e na de Camelle outro permex con 1 habilitación e, a maiores, 2 habilitacións a distribuír entre as embarcacións da confraría que dispoñan do recurso percebe no seu permex. Por outra banda, na confraría de Malpica convócase outro permiso de explotación para embarcación con 2 habilitacións e, a maiores, 1 habilitación a ofertar entre as embarcacións cunha soa habilitación e 3 habilitacións para as embarcacións que dispoñan do recurso percebe no seu permex.

A selección de embarcacións realizarase conforme ao disposto no baremo para incorporación de novas embarcacións e no baremo para o incremento de tripulantes habilitados en embarcacións que xa teñen recoñecido o recurso no permiso de explotación. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles dende a publicación desta convocatoria no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería.

As solicitudes poderán presentarse no rexistro auxiliar da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos ou no resto de lugares indicados na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Unha vez rematado o prazo de solicitude, a Consellería do Medio Rural e do Mar procederá á súa valoración.

Cabe lembrar que todas as prazas se convocan despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre tendo en conta a compatibilidade e sustentabilidade dos recursos e criterios socieconómicos.

13 de marzo de 2015 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.