publicidade hoxe

A Xunta avoga polo traballo conxunto e a implicación para combater a violencia de xénero en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, avogou esta mañá en Vilaba polo traballo conxunto e a implicación “de todas e todos” como a única maneira de combater a violencia de xénero. Foi durante un acto organizado polo Concello con motivo do ‘Día Internacional da Muller’, no que estivo acompañada do alcalde, Gerardo Criado, e da Fiscala de Violencia de Xénero de Santiago, Pilar Fernández Pérez.

Segundo a secretaria xeral, resulta imprescindible continuar coa unidade de todas as forzas políticas, potenciar ao máximo o traballo conxunto de Administracións Públicas, Poder Xudicial, Forzas e Corpos de Seguridade, medios de comunicación, profesionais de todos os ámbitos, asociacións especializadas e sociedade civil “no compromiso por unha sociedade libre de calquera forma de violencia contra a muller, garante e respectuosa da súa dignidade e dereitos e dos dos seus fillos e fillas”.

López Abella lembrou que o ano pasado 53 mulleres morreron asasinadas pola violencia de xénero en España, 6 delas en Galicia; e que como consecuencia destes crimes 41 nenos e nenas quedaron orfos/as. Non obstante, aclarou, as cifras “son só a punta dun iceberg de rostros e vidas de mulleres, de nenos e nenas, de familias que sofren por esta expresión e situación radical e dramática da desigualdade que é a violencia de xénero”.

Por iso animou a denunciar e, pese a ser consciente de que é un paso difícil, lembrou que a Xunta conta con axudas, servizos e recursos para as mulleres que queiran “romper o seu silencio e saír da morte en vida na que viven cando son vítimas da violencia machista” poidan facelo. Fundamentalmente axudas económicas e de apoio psicolóxico, a través da colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Ademais, lembrou que o ano pasado a Xunta fixo importantes avances no desenvolvemento da Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, constituíndo tres órganos fundamentais: o Consello Galego das Mulleres; o Observatorio Galego da Violencia de Xénero e Comisión Asesora de publicidade non sexista. Igualmente, destacou a apertura do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero, CRI.

A resposta penal

Despois da súa intervención, a titular de Igualdade da Xunta de Galicia presentou o relatorio central do acto, impartido pola Fiscala de Violencia de Xénero de Santiago de Compostela, Pilar Fernández Pérez, baixo o título “A resposta do proceso penal fronte á violencia contras as mulleres e os menores”.

Fernández Pérez é licenciada en Dereito pola USC e Fiscala de Carreira desde o ano 1998. Impartiu numerosos cursos dirixidos a profesionais de diversos ámbitos e foi poñente da Subcomisión para o estudo do funcionamiento da Lei integral de medidas contra a violencia de xénero, no Congreso dos Deputados. Ademais, participou en distintas actividades e traballos internacionais sobre violencia contra a muller en países como Panamá ou Ecuador

12 de marzo de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.