publicidade hoxe

A Xunta aproba o decreto de expropiacións para a mellora da estrada Portomouro- Santa Comba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSanta Comba
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia autorizou na súa reunión de hoxe o decreto de expropiación para a mellora da estrada Portomouro- Santa Comba (AC-406), no treito entre o parque empresarial de Santa Comba e Abuín. Este compromiso foi anunciado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, á alcaldesa de Santa Comba, María José Pose, nunha reunión que tivo lugar a semana pasada.

Tal e como se recolle no decreto de utilidade pública (DUP) o proxecto de acondicionamento da AC-406 desde o punto quilométrico 25+830 (nas proximidades do núcleo de Abuín) ao 27+400 no acceso ao polígono industrial. Afecta un total de 60 predios, polo que se reserva un investimento de 360.000 euros para o pagamento das expropiacións.

Cómpre recordar que a proximidade dalgunhas edificacións á estrada impide neste treito a mellora do trazado da infraestrutura actual sen causar importantes afeccións, polo que se optou por definir un novo trazado.

O novo trazado, que conta cunha lonxitude de 1,46 km, servirá de variante do núcleo de Salgueiroas e permitirá eliminar unha curva de raio reducido. A sección tipo elixida conta con plataforma de 10 metros, con dous carrís de 3,5 metros e beiravías de 1,5 metros.

Esta actuación, que beneficiará os case 10.000 habitantes de Santa Comba, suporá un investimento de máis de 2,5 millóns de euros.

19 de marzo de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.