publicidade hoxe

A primeira fase das obras de mellora do saneamento en San Mamede e Santa Cruz estará lista este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVedra
A-
A+
Ethel Vázquez en Vedra

Ethel Vázquez en Vedra

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, adiantou esta tarde que o departamento que dirixe licitará mañá as obra da primeira fase das obras de saneamento e depuración nas parroquias de San Mamede e Santa Cruz, no Concello de Vedra.

Así llo confirmou ao rexedor municipal, Carlos Martínez Carrillo, e recordou que Augas de Galicia publicará mañá no Diario Oficial de Galicia este contrato por un importe de 590.000 euros, cos que financiará a totalidade destas actuacións. O prazo de execución do proxecto é de cinco meses, polo que, segundo destacou a conselleira, neste ano poderemos ver as obras rematadas.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que con esta actuación o Goberno galego pretende dar cumprimento a unha demanda veciñal traslada polo alcalde en distintas reunións e “certifica o compromiso do Goberno galego con este municipio de Vedra e cos seus habitantes”.

Mediante estas actuacións a Consellería de Medio Ambiente dotará dun sistema de saneamento colectivo as parroquias de San Mamede e Santa Cruz, que na actualidade empregan sistemas individuais ou verten as augas residuais directamente á cuneta.

Nesta primeira fase, executarase o saneamento dos núcleos de Neira de Arriba e Neira de Abaixo, ambos na parroquia de San Mamede de Ribadulla no Concello de Vedra, así como unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), e as instalacións necesarias para a futura conexión de Angustín, Vista Alegre, Agrelo, Outeiro, Lagoa, Sete e Tomonde, da parroquia de Santa Cruz de Ribadulla.

As actuacións que se realizarán consistirán nun treito do colector xeral, que discorrerá paralelo ao río Tomonde e terá unha lonxitude de 431 metros. Proxéctanse tamén seis novos ramais en PVC 315 mm cunha lonxitude total de 1.332 m, dos cales dous verterán directamente á nova depuradora.

O colector xeral e os restantes ramais, verterán directamente ao novo bombeo de Neira que impulsará as augas recollidas á EDAR, para isto executarase unha nova impulsión para a totalidade das augas a través dun tramo de 41 metros de polietileno de alta densidade e 90 mm de diámetro.

A nova EDAR constará dos seguintes elementos:

• Pretratamento: sistema de desbaste de finos con limpeza automática e equipamento de deshidratación e compactación de residuos.
• Decantador – dixestor primario, cun volume de decantación 28,5 m³ e volume de dixestión de 44,25 m³.
• Tanque de flotantes: por gravidade recolle flotantes dende o decantador dixestor primario.
• Leito bacteriano de 6,5 m de diámetro e unha altura de recheo de 2,5 metros.
• Decantador – dixestor secundario: cun volume de decantación de 28,5 m m³ e un volume de dixestión de 33,9 m³ de dixestión.
• Arqueta de repartición: retornará parte do caudal depurado ao leito bacteriano.

16 de marzo de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.