publicidade hoxe

A iluminación led de Catoira acada un récord nacional en aforro enerxético

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraLocal Portada
A-
A+

O Concello de Catoira é xa un referente no ámbito da eficiencia enerxética española. Este municipio foi un dos primeiros en implementar con éxito un contrato cunha empresa de servizos enerxéticos (ESE) orientado a renovar masivamente todas as instalacións de iluminación pública e lograr un aforro enerxético xa verificado dun 82%.

Trátase dun contrato mixto de servizos enerxéticos –que inclúen obra, mantemento e xestión- con garantía total da iluminación pública e que tamén garante o aforro enerxético.

Alto rendemento

Este novo récord nacional en redución de consumo foi posible mediante a substitución de dous mil puntos de luz por luminarias led de alto rendemento, o que permitiu diminuír a potencia instalada nun 80%, así como adaptar a intensidade da luz en función das necesidades horarias mediante a incorporación dun sistema intelixente. Ademais, a velocidade de acendido é moi superior, pasando de 10 minutos a 2 segundos.

Confort

Este proxecto non só supón unha redución na factura enerxética do municipio, senón que inflúe positivamente na calidade de vida e o confort visual dos veciños, que experimentaron unha mellora substancial nos índices de reprodución cromática e uniformidade lumínica respecto á anterior tecnoloxía.

Beneficio ambiental

A tecnoloxía led utilizada implica importantes beneficios ambientais, xa que permite acadar un aforro anual de 719.000 Kwh e 237 toneladas de CO2, que equivale a eliminar da circulación 152 turismos durante un ano. Ademais, estas luminarias, que acadan unha vida útil de 23 anos, están libres de mercurio, emisións de infravermellos, emisións ultravioletas, e evitan a contaminación lumínica do hemisferio superior.

Seguridade

A mellora na seguridade eléctrica tamén é notable, ó aplicarse luminarias certificadas con clase II que, xunto ó sistema de posta a terra constitúe un aspecto esencial para evitar futuros incidentes eléctricos que puidesen afectar ás persoas.

Empresas galegas

O proxecto levado a cabo en Catoira xerou un impacto positivo na economía galega, xa que a empresa que fixo a auditoría sobre a situación da iluminación en Catoira, ENERGEA BC, é de Galicia, e os modelos de luminarias led instalados son os únicos do mercado fabricados integramente na nosa comunidade pola empresa SETGA. Esta tecnoloxía xa está chegando a países como Holanda, Alemaña, México e Chile, onde os resultados acadados en Catoira proban o seu alto valor engadido.

6 de marzo de 2015 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.