publicidade hoxe

A Festa da Merenda de Aiazo incluirá a degustación de balde dun milleiro de tortillas de masa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFrades
A-
A+

A Asociación de Veciños “Os Pasos”, da parroquia de Aiazo (Frades), vén de presentar o programa da décima edición da Festa da Merenda de Aiazo, que terá lugar o próximo domingo 29 de marzo. Unha edición especial para a que “esperamos a visita de moita máis xente que en anos anteriores”, explica Tamara Carreira, unha das organizadoras da festa, quen sinala que “se o tempo acompaña, temos confirmada a asistencia de moita xente da comarca e de fóra dela”.

A X Festa da Merenda de Aiazo dará comezo ás 12:00 horas na área recreativa “Os Pasos” coa degustación gratuíta das tortillas de masa con torriscos, que se prolongará durante toda a xornada grazas á colaboración das cociñeiras desta parroquia. Ás 13:30 horas terá lugar unha das novidades da xornada: a actuación da Charanga Mekánika.

Foliada da Merenda

Para o xantar, ademais das merendas gratuítas que se servirán baixo carpa, as familias poderán escoller entre traer a comida da casa (e utilizar as mesas e o entorno da área recreativa “Os Pasos” se o tempo así o permite) ou optar por unha polbeira (de pago) que estará aberta todo o día e baixo carpa cuberta. A partir das 16:00 horas terá lugar a gran Foliada da Merenda, coa participación dos grupos Reviravolta de Lardeiros, A Xunqueira das Encrobas, Agrocovo de Esteiro, Gharatuxa e os locais Sarillo (Aiazo), os únicos que repiten con respecto ao ano pasado. Ás 19:30 horas comezará unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Cinema, que se estenderá ata ben entrada a madrugada.

Tamara Carreira explica que “temos previsto facer algo máis dun milleiro de tortillas de masa”, elaboradas exclusivamente cunha masa feita con ovos, auga e fariña. Despois cada cociñeira lle dá o seu toque persoal, tanto polo grosor da masa como por se as acompaña ou non por torriscos (láminas de touciño de porco). Ademais, e dado o éxito acadado nas dúas edicións previas, tamén haberá a posibilidade de comprar “merendas” para levar, que se entregarán en caixas de pizza.

A Festa da Merenda xurdiu como unha iniciativa desta asociación de veciños para que os máis novos coñeceran a tortilla de masa e a importancia que tivo en décadas pasadas. Neste sentido, Tamara Carreira sinala que “en tempos de necesidade estas tortillas de masa facíanse case a diario, con máis auga e fariña que ovos, pero serviron para quitar moita fame”.

18 de marzo de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.