publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo rematará en xuño as obras da residencia pública con centro día de Pol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoPol
A-
A+

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, supervisaron este martes as obras de construción da residencia pública con centro de día do Concello de Pol, que estarán rematadas no mes de xuño, e das que xa se levan executado o 70%. Tal e como avanzou Gómez Besteiro, unha vez finalizados os traballos, procederase á instalación do equipamento e a contratación do persoal, de xeito que Pol contará con esta dotación social funcionando antes de rematar o ano.

Estas instalacións terán 48 prazas para persoas maiores, ás que haberá que sumar as dos usuarios do centro de día. A Deputación achega 1,2 millóns de euros e o Concello de Pol 200.000 euros para o financiamento do proxecto, ademais da cesión dos terreos nos que estará ubicada esta dotación.

As dependencias gozan dunha excelente situación, pois atópanse a carón do centro sociocultural da vila e doutros establecementos. A residencia con centro de día de Pol contará cunha superficie de 1.676 metros cadrados, con 24 habitacións dobres, que permitirán ofrecer un total de 48 prazas. Ao igual que no resto de residencias con centros de día públicas que constrúe a institución provincial, os usuarios tamén disporán doutras dotacións, como salas de estar, de lectura ou de televisión, todas elas de uso común, así como de servizos de lavandería, cociña, enfermería e primeiros auxilios, o que asegura a prestación de amplos servizos de calidade para os usuarios tanto da residencia como do centro de día.

Esta dotación precisará de persoal para cubrir as necesidades dos maiores, polo que se crearán unha decena de postos de traballo directo, que inclúe coidadores sociais, médicos ou ATS, que darán cobertura ás 24 horas do día, así como administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza, entre outros, dando estrito cumprimento ao detallado na Lei de Servizos Sociais de Galicia.

Gómez Besteiro lembrou que a Xunta “sempre deu as costas a este proxecto público” concertando prazas, cando si o está a facer en residencias privadas. O Presidente insistiu en que “malia que a Xunta, que ten as competencias na materia, non considere prioritaria a atención á terceira idade, a Deputación continuará coa construción dunha rede pública de residencias con centros de día para maiores, convencida de que os veciños desta provincia teñen dereito a unha cobertura de servizos sociais básicos e de calidade, con independencia de onde vivan”. O Presidente da Deputación insistiu en que “con estas dotacións, contribuímos a  fixar poboación nos Concellos coa creación de novos postos de traballo”.

Pola súa banda, o Alcalde de Pol destacou o beneficiosa que para o Concello será a residencia con centro de día, destacando o feito de que a día de hoxe hai 30 veciños de Pol que teñen que estar en centros situados noutros Concellos, polo que contar finalmente con esta dotación permitirá  a todas esas persoas voltar á súa casa”.
 
Necesidade e oportunidade

O Presidente e o Alcalde destacaron a necesidade da apertura deste servizo na comarca, posto que Pol conta con 642 maiores de 65 anos, isto é, o 36% da súa poboación total. Deles, a metade teñen máis de 75 anos e 310 contan con máis de 80 anos. Ante o envellecemento da poboación e a sangría demográfica que está a sufrir a provincia, os empregos relacionados cos servizos sociais preséntanse como unha boa oportunidade para fixar poboación. É no Concello de Pol onde figuran a maioría dos parados da comarca, 85, dun total de 240 que suman os municipios da zona. A visita do Presidente para supervisar o comezo desta importante dotación para a comarca, coincidiu coa tradicional cita dos maiores deste Concello.

17 de marzo de 2015 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.