publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo remata a residencia e centro de día públicos da Fonsagrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLocal PortadaLugo
A-
A+
Besteiro na inauguración da residencia e centro de día da Fonsagrada

Besteiro na inauguración da residencia e centro de día da Fonsagrada

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, inaugurou este xoves o “Residencial Rois”, a residencia e centro de día públicos que construíu o organismo provincial neste municipio. Fíxoo en resposta ás peticións dos veciños da Montaña e ante o incumprimento da Xunta. O Goberno galego garantiu no 2009 que ía a facer estas instalacións e ata lle deu o visto e prace ao proxecto do Concello da Fonsagrada para emprazalas no edificio da Fundación Rois de la Peña pero nunca iniciou as obras. Púxoas en marcha a Deputación con 2,1 millóns de euros de fondos propios. Posteriormente, investiu outros 100.000 euros no equipamento. Hoxe ducias de veciños visitaron este centro comarcal.

Gómez Besteiro salientou que o organismo provincial pon en marcha agora os procesos de contratación de persoal e avaliación de solicitudes de ingreso, polo que o centro da 3ª idade da Fonsagrada estará en funcionamento no mes de setembro. Ofrecerá 24 prazas na residencia e 30 no centro de día, e dará emprego a unhas 10 persoas para a prestación destes servizos. O Presidente apuntou que a institución luguesa reclamará de novo á Xunta de Galicia que concerte prazas públicas como fai nos centros privados.

O Alcalde destacou a importancia deste centro para un municipio como a Fonsagrada, afectado polo despoboamento e o envellecemento poboacional, pois a metade dos seus habitantes supera os 65 anos. Fernández Queipo remarcou o feito de que estas instalacións permitirán aos veciños contar con servizos sociais de carácter público no seu propio Concello, non tendo que marchar a outras localidades, ao tempo que crearán emprego e dinamizarán a economía local, combatendo a sangría demográfica que sofre a Montaña luguesa. O Rexedor agradeceu o compromiso da Deputación con esta Comarca e apuntou outros investimentos como o 1º centro público en Galicia de despece de produtos cinexéticos, o campo de fútbol Comarcal ou o novo Consistorio.

A residencia e centro de día público atópase no centro da capitalidade fonsagradina, concretamente, no edificio da Fundación Rois de la Peña, na Rúa do Parque. Conta cunha superficie de 1.675 metros cadrados distribuídos en dúas plantas. Na planta baixa sitúanse os espazos comúns, como o comedor ou a sala de lectura e televisión, así como os servizos de enfermaría, cociña, lavandería, etc. Na planta superior están as habitacións con baños.

Apertura de 6 centros

Xunto coas da Fonsagrada e Castroverde, a Deputación abrirá este mesmo outras 4 residencias e centros de día públicos nos Concellos lugueses, creando 60 novos postos de traballo e ofrecendo servizos sociais públicos no rural. De feito, no seu Orzamento Participativos para 2015 xa hai unha partida de 425.000 euros para os gastos correntes e de persoal destas dotacións. O organismo provincial avanza na construción dos centros públicos para maiores de Trabada, Pol, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil e Navia de Suarna. Ademais, está á espera de que o Concello de Guitiriz aprobe a modificación puntual do planeamento municipal (documentación que lle redactou o organismo provincial para axilizar este proceso) para iniciar as da Casa da Botica.

Sen apoio da Xunta

Os Concellos colaboran no financiamento das residencias e centros de día públicos da Deputación mediante unha achega de 200.000 euros, ao tempo que aportan os terreos necesarios, licenzas e servizos urbanísticos imprescindibles. Son proxectos conxuntos de Deputación e Concellos de todas as cores políticas, que potencian o benestar social e o emprego no rural, dinamizando a economía local e combatendo o despoboamento demográfico. Pola contra, esta iniciativa non conta co apoio da Xunta de Galicia. No 2011, a Conselleira de Benestar rexeitou concertar prazas públicas, posto que apuntou, textualmente, que os centros para maiores “non son prioritarios nin necesarios” na provincia lucense. Todo isto cando os datos do Mapa de Equipamentos Sociais, elaborado pola propia Xunta, apuntan que a provincia de Lugo conta con 662 prazas públicas residenciais e precisa de a lo menos 1.228 para acadar os ratios mínimos de cobertura asistencial.

26 de marzo de 2015 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.