publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Medio Rural e Mar destina 4 millóns de euros ao fomento do emprego de maquinaria agrícola en réxime asociativo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVal do Dubra
A-
A+
Rosa Quintana na visita á SAT San Vicente de Niveiro

Rosa Quintana na visita á SAT San Vicente de Niveiro

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 4 millóns de euros ao fomento do emprego de maquinaria agrícola en réxime asociativo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns as bases reguladoras destas subvencións e a convocatoria para este ano. O importe das achegas será cofinanciado con fondos Feader, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e da Xunta de Galicia.

Así o anunciou a titular deste Departamento, Rosa Quintana, tras visitar a Sociedade Agraria de Transformación (SAT) San Vicente de Niveiro, situada no concello coruñés de Val do Dubra.

Nesta visita, Rosa Quintana destcaou que a través destas subvencións a Xunta busca promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo e a introdución de novas tecnoloxías no rural. Tamén teñen como finalidade –tal como explicou a conselleira– racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

Poderán beneficiarse destas axudas as Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) e Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) que teñan como obxectivo prioritario a adquisición de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario ou agroforestal, así como as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá.

SAT San Vicente de Niveiro

A Sociedade Agraria de Transformación San Vicente de Niveiro quedou constituída no ano 2002 e conta con tres socios. A súa orientación produtiva é o vacún de leite e dispón de 2.266.153 quilos de cota, contando a día de hoxe cun censo de 457 animais bovinos. Tras visitar esta SAT, a conselleira mantivo un encontro con gandeiros da zona para explicarlles as novidades das axudas da PAC para este ano.

18 de marzo de 2015 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.