publicidade hoxe

A concentración parcelaria de Goá supuxo a reorganización de máis de 829 hectáreas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeitoLocal PortadaLugo
A-
A+

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, entregaron esta mañá os títulos da concentración parcelaria da zona de Goá, no concello lucense de Cospeito. Coa entrega destes títulos aos propietarios das fincas ponse fin ao proceso concentrador da propiedade, que reorganizou un total de 829 hectáreas pertencentes a 736 propietarios.

Deste xeito, reducíronse as 4.716 parcelas existentes inicialmente a tan só 1.177 fincas, permitindo así mellorar e modernizar as explotacións agrícolas, crear e mellorar as vías de comunicación e de acceso ás novas fincas, axudar a previr os incendios forestais e aumentar o valor da base territorial.

O director xeral destacou que a finalización da concentración parcelaria de Goá impulsa o sector agrario da zona e minimiza o risco de incendios ao estaren as terras traballadas. Antonio Crespo sinalou, no caso de que os donos das fincas non puideran traballalas eles mesmos, que o Banco de Terras de Galicia é unha opción para que os particulares poidan poñer en valor as súas fincas. Así, garantízaselles a seguridade da propiedade e, no caso de ser arrendada, o cobro dos prezos de referencia da renda e a devolución das fincas en bo uso agrario.

Traballos realizados en Goá

Os traballos realizados na zona concentrada supuxeron un investimento de 2,2 millóns de euros, dos cales a meirande parte corresponden á execución das obras na rede de camiños e ao acondicionamento das novas fincas. Neste sentido, este proceso concentrador permitiu o acondicionamento de 32,5 quilómetros da rede de camiños.

9 de marzo de 2015 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.