publicidade hoxe

A Casa da Cultura de Lousame acolle a exposición de pintura “Corpos e Cor” ata o 30 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Exposición de Veiras Manteiga

Exposición de Veiras Manteiga

A Casa da Cultura de Lousame acolleu no mediodía deste domingo o acto de conmemoración do Día Internacional da Muller, que incluíu a lectura dun manifesto e a inauguración dunha exposición de pintura a cargo de José Luís Veiras Manteiga, pintor noiés afincado en Camboño (Lousame). Unha actividade que reuniu a preto de corenta veciños e veciñas e que culminou cunha actuación musical a cargo do grupo de gaitas de Canlebó.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, agradeceu a colaboración de Veiras Manteiga pois “en anos pasados temos homenaxeado a grupos de mulleres como as mulleres da posguerra, as leiteiras, as traballadoras das minas… O ano que vén temos previsto retomar este tipo de homenaxes pero nesta ocasión quixemos achegarnos ao mundo da muller dende a arte e a cultura, da man dun veciño de Lousame”. Así mesmo, agradeceu a presenza no acto “tanto de mulleres coma de homes, porque ten que ser así. A igualdade só se acadará coa colaboración de todos”.

Compromiso

Acto seguido, a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, deu lectura a un manifesto conmemorativo do Día Internacional da Muller, unha “oportunidade de pensar nas nosas nais e avoas, que levaron adiante a familia, o traballo e o traballo doméstico, sacrificando o seu tempo libre”. Por iso, indicou que “o Concello de Lousame quere manifestar o seu compromiso por seguir traballando e potenciando todas aquelas accións que faciliten a compatibilidade da vida familiar, persoal e laboral das mulleres. Que melloren a súa formación e a seguir traballando pola igualdade entre home e muller”.

Tras gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero, a profesora Pilar Sampedro presentou a mostra “Corpos e cor” como “unha exposición moi colorista, onde a cor enche o espazo e dá moita alegría”. Unha exposición “no que a muller é a protagonista e que supón a volta de Veiras sobre o eterno feminino. Dun xeito ousado e que nos sorprende”.

José Luís Veiras Manteiga explicou que esta exposición “inclúe cadros que fixen o ano pasado e que xurdiron porque vin uns cadernos antigos de debuxos, que tiña esquecidos e animeime a facelos”. Uns apuntes que tamén se poden ver canda os outros 25 cadros presentes na exposición. Finalmente, Veiras Manteiga agradeceu ao Concello de Lousame o esforzo por editar un catálogo sobre unha exposición que demostra que “a arte é de todos, non é un coto privado duns privilexiados. Grazas a salas de exposicións coma esta todos podemos ter acceso á arte, dende Santiago ata Camboño”.

Un punto no que coincidiu Teresa Villaverde, quen agradeceu aos artistas que teñen exposto na Casa da Cultura de Lousame e aproveitou para anunciar que a próxima mostra correrá a cargo dun dos presentes no acto de onte: o ilustrador Xosé Vizoso.

Currículo Veiras Manteiga

José Luís Veiras Manteiga é un polifacético pintor, debuxante, ilustrador e caricaturista noiés que dende o ano 2001 é veciño de Lousame. As súas obras conforman coleccións públicas e privadas en países coma Estados Unidos, Canadá, Tunisia, Holanda, Alemaña, Francia e España. Ten realizado exposicións en Francia (Laval, Rennes, Nantes, París, Caen, Mayenne, Le Mans…), Alemaña (Ausburgo, Mettman, Gundemmigen, Auchach…), Polonia (Opole, Nysie, Gloucholary, Pruoniku, Pazcow…), Holanda (Deventer) e España (Santiago, Plasencia, Segovia, Cartaxena, Madrid, Murcia…).

Entre as súas múltiples actividades culturais, José Luís Veiras Manteiga foi colaborador de distintos xornais galegos como La Voz de Galicia, El Correo Gallego, El Ideal Gallego ou El Progreso, ben como columnista ben como caricaturista. Tamén foi presentador do programa “A Estornela” en Canal Tambre, de 2003 a 2006, e colaborador na TVG. Ten tres cómics publicados: “Folgar de Brigantia”, “Fuxidos” e “Noia, porto de Compostela”. Así mesmo, ten ilustrado obras de escritores como Antón Avilés, Xosé Agrelo, Maxi Olariaga, María Xosé Canitrot, Manoel Fabeiro, Francisco Vidal e Ramón Carredano.

9 de marzo de 2015 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.