publicidade hoxe

Xunta e Concello de Coirós manteñen a súa colaboración no CIM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoirós
A-
A+
Susana López Abella na visita ao CIM de Coirós

Susana López Abella na visita ao CIM de Coirós

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella acompañada do alcalde de Coirós Francisco Quintela visitaron hoxe o Centro de Información á Muller onde reiteraron a súa colaboración en materia de Igualdade

O CIM de Coirós ofrece asistencia xurídica e atención psicolóxica ás mulleres que o precisen, e está integrado por unha asesora xurídica e unha asesora psicolóxica, ademais da directora do Centro. A titular de Igualdade indicou que dende o 1 de xaneiro de 2014 ata o día de hoxe, atenderon a 744 consultas.

Segundo destacou López Abella para a Xunta é prioritario acadar unha igualdade real entre homes e mulleres e erradicar a lacra da violencia de xénero. Por iso, este compromiso queda refrendado un ano máis con liñas de axuda específicas tanto para os CIM coma para os concellos co fin de que desenvolvan programas de prevención da violencia de xénero e a prol da igualdade, coma é o caso de Coirós que conta con axudas da Xunta para apoio ao CIM e para o programa de fomento da conciliación que superan os 158.000 euros entre os anos 2009 e 2014.

As axudas dos CIMs teñen por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

Este Centro conta co servizo de teletraduccion en 51 idiomas, un servizo totalmente gratuíto que procura o acceso ás mulleres inmigrantes residentes en Coirós aos recursos dispoñibles, o que é esencial nos casos de trata de persoas e violencia de xénero.

Ademais, o concello de Coirós é un dos 156 concellos galegos adheridos á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero levando a cabo no ano 2012 actuacións de Intervención de terapia ocupacional con menores expostos a situacións de violencia de xénero a través das artes plásticas; no ano 2013, levou a cabo o Programa “Desconexión”: Encontros lúdicos, deportivos e terapéuticos, dirixidos a mulleres vítimas de violencia de xénero e as súas fillas e fillos menores, co fin de reforzar vínculos materno-filiais e socio-afectivos, reforzando o ocio e tempo libre conxunto de nais e fillos/as, e o ano pasado participou na Exposición Cartas de Amor.

23 de febreiro de 2015 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.