publicidade hoxe

Un investimento de 850.000 euros na mellora da estrada Cachafeiro-Vilapouca permitiu un importante incremento da seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Ethel Vázquez na visita a Forcarei

Ethel Vázquez na visita a Forcarei

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou hoxe o remate das obras de mellora da estrada Vilapouca-Cachafeiro (PO-536). Vázquez, que estivo acompañada polo delegado Territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e a alcaldesa de de Forcarei, Belén Cachafeiro, resaltou que “que esta vía comunica os dous parques empresariais de Forcarei: o situado en Cachafeiro (A Freixeira) e o de Vilapouca (David Raposeiras), polo que as accións acometidas redundarán directamente en beneficio dos traballadores que, día a día, circulan pola PO-536 para desprazarse ata o seu lugar de traballo”.

Ethel Vázquez sinalou tamén que “con esta actuación damos resposta a unha vella demanda veciñal e atendemos a necesidade de mellora dunha estrada moi utilizada polos veciños do municipio”.

A conselleira concretou que, “en total, investíronse máis de 850.000 euros nesta vía, o que pon de manifesto o interese da Xunta por levar a cabo a rehabilitación integral desta infraestrutura e o seu compromiso cos preto de 4.000 habitantes deste Concello”.

Distintos investimentos

A responsable de Medio Ambiente do Executivo autonómico subliñou que se aportaron 790.000 euros na mellora desta estrada, unha partida á que se suma un investimento de 60.000 euros que se realizaron con anterioridade e que permitiu unha actuación de urxencia para eliminar fochas e realizar o perfilado das gabias”.

As obras nesta vía, que pertencente á Rede Primaria Básica da Xunta que discorre integramente por este concello de Forcarei, consistiron na mellora do trazado e do firme, ampliando a plataforma ata lograr un ancho mínimo de 6,40 metros, e leváronse a cabo ao longo dos case 5 quilómetros de lonxitude cos que conta esta infraestrutura.

Ethel Vázquez explicou que hoxe ”certificamos, unha vez máis, que apostamos pola mellora da seguridade viaria e por garantir a calidade das infraestruturas que percorren o interior de Galicia, posto que sabemos que facelo supón mellorar a calidade de vida dos cidadáns e contribúe ao desenvolvemento económico das vilas”.

Conservación viaria

Para a conselleira de Medio Ambiente é prioritaria a conservación viaria, polo que os orzamentos deste ano recollen 15,5 millóns de euros para a provincia de Pontevedra co fin de levar a cabo actuacións de conservación e para garantir as mellores condicións nas estradas en episodios con climatoloxía adversa.

Así destacou que “en poucas semanas contrataranse novos contratos de conservación integral por importe de 116 millóns de euros, dos que 27 millóns son para as estradas da provincia de Pontevedra”.

Finalmente, Ethel Vázquez concretou que “todos estes esforzos permiten que, desde o 1 de novembro, estea activado o Plan de vialidade invernal, dispoñendo de máis de 400 persoas traballando e 70 vehículos como quitaneves e escavadoras repartidos en 27 centros operativos, que garanten a rápida actuación en caso de neve intensa, xeo, ou calquera outra incidencia”.

3 de febreiro de 2015 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.