publicidade hoxe

Soutomaior pon en marcha unha nova edición da Escola de pais e nais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

A Escola de Pais e Nais do Concello de Soutomaior regresa un ano máis cunha serie de charlas-taller orientadas a adestrar e potenciar as habilidades pedagóxicas dos pais e nais do municipio. Organizados pola Concellería de Xuventude e a Concellería de Educación, estes coloquios didácticos celebraranse mensualmente no Multiúsos de Arcade coa colaboración dos centros educativos do concello, as AMPAS, a biblioteca e diferentes departamentos municipais.

Solucionar os conflitos máis comúns da convivencia, aprender a controlar os comportamentos aditivos ou como afrontar o uso das novas tecnoloxías son algúns dos temas que se trataran nesta edición da escola. Dende o seu comezo no ano 2009, o formato e o programa destes talleres foi variando para adaptarse ás necesidades e preocupacións dos pais. De feito, moitas das cuestións a tratar nesta edición foron propostas polas propias familias a través da web da Concellería de Xuventude o que contribúe a que estas charlas sexan verdadeiramente efectivas. Ademais, encarar os diferentes problemas dun xeito práctico mediante xogos de rol, nos que os pais adoptan diferentes papeis segundo a situación proposta, lles permite adquirir dun xeito máis dinámico os conceptos e habilidades necesarias para educar de xeito eficaz e responsable os seus fillos ademais de dar a posibilidade aos pais de intercambiar experiencias e reflexións sobre os problemas máis recorrentes na educación dos seus fillos.

A primeira das charlas-taller terá lugar no edificio Multiusos de Arcade o venres 27 de febreiro dende as 18:00 ata as 20:00 horas e centrarase na creación dunhas pautas de comportamento para solucionar conflitos básicos na convivencia diaria provocados por fillos con problemas de desobediencia. As familias poderán levar os seus fillos e fillas xa que haberá unha monitora encargada de realizar actividades lúdicas e talleres para os máis pequenos mentres os pais asisten á charla.

Os interesados en recibir información ou realizar a matrícula nalgunha destas actividades poden facelo online a través da web municipal en www.soutomaior.com/xuventude, chamando ao teléfono 986 700 822 ou nas oficinas da OMIX no edificio Multiusos de Arcade todas as tardes de 15:30 a 20:30 salvo os mércores de 09:00 a 14:00. Con esta nova edición da Escola de Nais e Pais o Concello de Soutomaior renova a súa aposta pola creación deste tipo de espazos de colaboración e comunidades de aprendizaxe nas que se posibilita que todos poidan aprender de todos, de maneira que os asistentes poidan reflexionar en común sobre as diferentes temáticas que se propoñen, sempre guiadas por unha persoa experta en cada materia.

26 de febreiro de 2015 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.