publicidade hoxe

Rogelio Martínez entrega os diplomas aos alumnos do obradoiro “Bosques de Trevinca-Macizo Central”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA VeigaOurense
A-
A+

Un total de 20 persoas desempregadas recibiron hoxe de mans do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, os diplomas que acreditan a súa participación no obradoiro de emprego “Bosques de Trevinca-Macizo Central” que agrupa aos concellos de A Veiga, O Bolo e Viana do Bolo. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se beneficiaron outras 6 persoas que formaron parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxinou, durante os seis meses que durou esta iniciativa, unha formación teórico-práctica de xardinería e albanelería co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Traballo e Benestar de 177.000 euros.

Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial de Traballo e Benestar, José Selas, participou no acto de clausura deste obradoiro que tamén contou coa presenza do alcalde da Veiga, Edesio Yáñez, e do rexedor de Viana do Bolo, Andrés Montesinos.

O delegado territorial, na súa intervención, destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.

Durante os seis meses de duración do obradoiro os 14 alumnos que elixiron o módulo de xardinería e os 6 que optaron pola disciplina de albanelería realizaron traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verdes. En Viana do Bolo acondicionaron os parques infantís das zonas de As Carrelas e O Ferradal, e doutras zonas verdes municipais, e recuperaron os espazos axardinados do campo de fútbol, da gardería e do colexio.

No municipio do Bolo levaronse a cabo labores de axardinamento con especies autóctonas na praza dos Navallos de Celavente e na praza de Valdanta, ademais da restauración dun edificio en Chao do Castro e da fachada da antiga escola de Valbuxán, e a ampliación dunha ponte. Por último, no concello da Veiga, o alumnado deste obradoiro de emprego traballou no lugar de O Coiñedo no axardinamento de espazos públicos e na recuperación de camiños tradicionais.

13 obradoiros na provincia

Dende o mes de agosto e ata o presente mes de febreiro, se desenvolveron na provincia de Ourense 13 obradoiros de emprego nos que se agruparon 40 concellos e beneficiando a un total de 339 persoas desempregadas: 263 alumnos e alumnas e 79 persoas como persoal directivo, docente e administrativo. O departamento autonómico que dirixe Beatriz Mato destinou a estes programas preto de 2,3 millóns de euros.

20 de febreiro de 2015 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.