publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Raquel Arias gaba o labor do IES de Foz formando a profesionais da restauración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, salientou hoxe a importancia de “contar cun sector turístico profesional e ben formado, especialmente nunha comarca como A Mariña onde esta actividade ten un peso específico”.

Arias realizou estas declaracións durante a clausura do VIII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería organizado polo IES de Foz, un certame “consolidado, que cada ano ten máis sona e merecido prestixio, e que oito anos despois segue a ser único no seu xénero en Galicia”, afirmou.

O IES de Foz congrega dende onte e ata mañá a expertos de España e Portugal para disputar este certame xunto co Campionato Internacional de Cata de Cafés de Escolas de Hostalería e o Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que celebran a terceira edición.

A delegada gabou esta iniciativa que “leva o nome de Foz e da comarca da Mariña por toda España” destacando o gran labor “deste instituto, que forma profesionais da restauración nunha zona na que a importancia do turismo é fundamental”. Neste senso, Raquel Arias tivo palabras de loanza e recoñecemento para o director do centro, Nemesio Rodríguez, que este ano se xubila, pola súa “encomiable e entregada” labor ao longo de 34 anos “ininterrompidos” ó fronte do instituto ó que converteu, segundo salientou, nun referente na provincia de Lugo e fora dela.

Arias lembrou que A Mariña experimentou no pasado ano un incremento dun 8,2% nas cifras de viaxeiros e pernoctacións. En total, pasaron pola comarca case 140.000 viaxeiros, que sumaron 237.000 pernoctacións. Neste aumento tivo unha notable influencia o maior coñecemento da zona no mercado internacional, xa que medrou nun 16,7% o número de turistas procedentes do estranxeiro.

Así mesmo, rexistrouse un incremento do 13% dos peregrinos do Camiño Norte con respecto ao ano 2013.

Todos estes datos, explicou Arias, “confirman que imos polo bo camiño en canto a organización, comercialización e promoción do sector turístico galego, e en concreto da oferta turística da Mariña”.

A delegada incidiu en que a profesionalización dos axentes implicados na actividade turística axuda a impulsar unha actividade que significa xa o 11% do PIB e o 11,5% dos postos de traballo. “Un turista satisfeito é a nosa mellor campaña publicitaria, e nese aspecto xogan un importante papel as persoas: os guías, traballadores das oficinas de turismo, profesionais da restauración e dos hoteis, entre outros”.

O IES de Foz en total conta con 557 alumnos e alumnas de Ensinanza Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, ensinanzas para adultos e ciclos de Formación Profesional.

En concreto, cursan FP 187 rapaces e rapazas, a gran maioría en especialidades vinculadas á restauración. O centro imparte ciclos formativos de grao medio en cociña e gastronomía, servizos en restauración, comercio e servizos administrativos, e un ciclo formativo de grao superior en dirección de cociña.

10 de febreiro de 2015 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.