publicidade hoxe

Rafael Sisto destacou no pleno que o fallo do tribunal supremo cuestiona a tramitación autonómica do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O concelleiro de Urbanismo de Teo, Rafael Sisto, compareceu no pleno ordinario de febreiro a petición da edil socialista Uxía Lemus para falar dunha sentenza do Tribunal Supremo en relación ao PXOM. Na súa intervención destacou que se o obxecto era “determinar a responsabilidade deste concellerio e do grupo de goberno nas decisións de tramitación do PXOM que se vén afectadas por esta sentenza hai un erro no plantexamento xa que o fallo do Tribunal Supremo fala da tramitación autonómica do plan, que evidentemente non é responsabilidade deste concelleiro”.

Sisto tamén aproveitou para lembrarlle á concelleira do Grupo Socialista que “no momento no que a Xunta declarou a innecesariedade de someter o Plan Xeral de Teo á avaliación ambiental as consellerías competentes nesta materia estaban gobernadas por políticos socialistas”.

A sentenza do Tribunal Supremo establece a nulidade do Plan Xeral en dous aspectos moi concretos, o polígono industrial SUD 9 e o vial de conexión entre a N-550 e a AC-841. O concelleiro de Urbanismo destacou que se trata de dous elementos que non teñen un impacto para o Concello neste momento xa que o vial “é unha imposición autonómica que de feito tivo unha importante contestación social” e o polígono “non ten viabilidade na medida en que non exista o vial”. Ademais neste momento en Teo estase tramitando o plan de sectorización do polígono da Ramallosa, un proxecto máis axustado á realidade económica actual.

Sisto incidiu en que cando comezaron a gobernar, en xuño do 2007, a tramitación municipal do Plan estaba rematada e “o único que fixemos foi adaptar o documento aos requerimentos e instruccións da Xunta” . Destacou o edil que “cando a sentenza fala da responsabilidade municipal é para cuestionar a aprobación inicial do plan, que se fixo no 2007 polo equipo de Armando Blanco e Parajó, antes de que este grupo tivese a responsabilidade de goberno”.

No relativo a como pode afectar esta sentenza ao futuro do PXOM, cuestión pola que preguntaron os outros grupos políticos, Rafael Sisto explicou que “a aprobación do PXOM de Teo sen esa avaliación ambiental estratéxica é igual á tramitación e aprobación doutros plans xerais no País polo que debe ser a Xunta a que determine o procedemento a seguir”. Asegurou que nos vindeiros meses se recabarán informes xurídicos e deberá abrirse unha interlocución coa Xunta para avaliar a situación

27 de febreiro de 2015 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.