publicidade hoxe

Pratos tradicionais cun toque creativo baseados nos produtos do mar no Showcooking da Deputación en Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLugo
A-
A+

Foz será a oitava parada do Showcooking Cociña Autóctona da Deputación de Lugo tras o seu paso pola Fonsagrada, Monforte de Lemos, Cervantes, O Valadouro, Begonte e Outeiro de Rei. Trátase dun novo programa posto en marcha polo organismo provincial cun dobre obxectivo: potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia luguesa, e favorecer o desenvolvemento do turismo gastronómico.

O Asador La Quinta, situado en primeira liña de praia e con vistas ao mar, acollerá esta clase maxistral de cociña esta tarde a partires das 18:00 horas coa chef Esther Montero aos fogóns, quen se encargará de desvelarlle aos participantes as técnicas que aprendeu durante a súa ampla experiencia en Nuremberg, Múnic e Hamburgo coa elaboración in situ dun menú que combina gastronomía tradicional con procedementos máis creativos e innovadores, empregando para elo alimentos da contorna.

No obradoiro, os participantes aprenderán a elaborar pratos tradicionais cun toque creativo baseados nos produtos do mar, como salteado de vieiras con trigueiros e crocante de porco celta e lombo de pescada en salsa de ourizo. Como sobremesa, Montero optará pola elaboración de filloas recheas de mus de queixo do Cebreiro sobre flamexado de augardente galega. Ao rematar, os asistentes degustarán o menú preparado durante a xornada.

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, participará nesta iniciativa que pretende mostrarlle aos asistentes o potencial turístico da “cociña de proximidade”, un concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que empregan maioritariamente provedores e produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ao chegar ao establecemento, xa que non é necesario un transporte excesivo.

A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02 Provincial, está dirixida principalmente a profesionais do sector hostaleiro, entre os que se tratará de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a calidade e a exclusividade dos propios de cada zona para impulsar o sector. Nas clases, que continuarán durante todo este mes de febreiro, empréganse produtos autóctonos, principalmente aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada polo organismo provincial, e os ofertados na 1º plataforma de comercio electrónico da provincia, tamén posta en marcha pola Deputación: www.losproductosdelugo.com

18 de febreiro de 2015 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.