publicidade hoxe

Os ‘xenerais da Ulla’ de Fao vivirán o martes de Entroido a súa tradicional ‘Antroidada’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

A parroquia de Fao (Touro) vivirá mañá martes, 17 de febreiro, o seu día grande das festas do Entroido 2015. Esta localidade situada no Concello de Touro celebra mañá, martes de Entroido, o seu tradicional ‘Antroidada’. Os ‘xenerais da Ulla’ de Fao serán os protagonistas da festa. Os xinetes lucirán os seus vistosos traxes que recordan os exércitos da época napoleónica. E a batalla só será dialéctica.

A celebración do Entroido de Fao comezará no campo da festa da parroquia a partir das 16:00 horas. Contará co discurso do ‘correo’ e dos ‘xenerais da Ulla’. Estes protagonistas abordarán, a través de coplas recitadas a viva voz, temas da actualidade política e do momento. Os “xenerais” replicaranse e contrarreplicarán ante os veciños que acudirán ao campo da festa de Fao. Tamén participará ‘a vellada coa súa troulada’. E non faltarán ‘os consellos dos frades’, que predicarán en verso anécdotas sucedidas na parroquia de Fao e nos arredores.

A parroquia de Fao recupera o Entroido tradicional con apoio do Concello de Touro. Todas as actividades previstas desenvolveranse no campo da festa de Fao, que tradicionalmente conta con gran afluencia de público local e foráneo. Ao final sortearase un “magnífico potro”.

16 de febreiro de 2015 | 19:46 • 1 comentario

Só temos 1 comentario, anímate a opinar

» Comentarios RSS Feed
  1. O entroido de Fao non recupera o seu entroido tradicional, xa que nunca o perdeu. E o apoio que presta o concello de Touro é o mesmo que a outros lugares. Creo que a noticia correcta sería: Fao mantén o seu tradicional entroido gracias o traballo e esforzo dos veciños que nel participan.
    Creo que o correcto sería que vos informárades e redactárades as cousas con xeito.
    Un saudo!
    Iria Fernández (Correo Entroido de Fao 2015)