publicidade hoxe

Os Servizos Técnicos da Xunta recoñecen que a corta de árbores en Sargadelos non produciu ningún dano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo vén de recibir resposta ás alegacións que presentou contra unha sanción proposta pola Xunta a causa da corta de árbores realizada en Sargadelos. Na resolución, os Servizos Técnicos de Arquitectura de Lugo recoñecen que “as actuacións realizadas polo Concello na zona do merendeiro do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos non produciron dano ao Conxunto”, tal e como consta de forma literal na resolución.

Un informe no que os técnicos tamén admiten que o Concello “está na procura da conservación e revalorización do Conxunto a través de numerosas intervencións para as que solicitou autorización previa da Consellería de Cultura” e que “non se aprecia malicia nas intervencións do Concello no Conxunto de Sargadelos” ao tempo que “se realizaron nun momento de alertas meteorolóxicas graves que puideron facer que o Concello interviñese de urxencia”.

Desta maneira valoraron os técnicos o resultado da corta de árbores que levou a cabo o Concello a principios de 2014. Cabe deixar claro que o Concello solicitara permiso á Consellería de Cultura para a tala de tres árbores que estaban creando problemas de seguridade no Conxunto, xa que durante os temporais de forte vento producíranse caídas de pólas sobre os vehículos.

Pero durante a operación detectouse que outras árbores próximas estaban enfermas e podres no seu interior, e o Concello decidiu actuar de urxencia, “para preservar el patrimonio y la seguridad de las personas”, explica a edil de Cultura, Begoña Alonso. Desta maneira, o Concello mantén que actuou dentro das súas competencias e movido pola responsabilidade. Ao mesmo tempo, cabe destacar que as árbores cortadas eran acacias, unha especie invasora, e non autóctona, como as que está utilizando o goberno local para reforestar o Monte Escarabelada en Sargadelos e outros terreos municipais e comunais.

Nun primeiro momento a Consellería abrira un expediente propoñendo unha sanción por unha infracción administrativa grave, pero despois de avaliar as alegacións presentadas polo Concello a Xunta rebaixou a tipificación, de forma que a infracción pasa de ser considerada grave a leve, e o importe da sanción é de 300 euros.  

Aínda así, o Concello segue defendendo que “actuamos dentro de nuestras competencias, siendo nuestra responsabilidad reaccionar en el momento ante una situación de peligro”, segundo explica Alonso. Desta maneira, o Concello mantén unha discrepancia mínima coa Consellería e por este motivo, a pesar de que agora esteamos falando dunha infracción leve, anuncia que presentará de novo alegacións.

24 de febreiro de 2015 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.