publicidade hoxe

Os maiores de Becerreá e Ribeira de Piquín participan nos programas Memoria Dixital Tic-Tac e Engurras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLugoRibeira de Piquín
A-
A+

Maiores de 55 anos de Becerreá e Ribeira de Piquín participan este luns en Memoria Dixital Tic-Tac e Engurras, dous dos programas sobre novas tecnoloxías que puxo en marcha a Deputación, a través da Fundación TIC, para fomentar o envellecemento activo.

Ás 18:00 horas, na Residencia Fogar Cereixal, en Becerreá, o Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, manterá un encontro cos participantes en Memoria Dixital Tic-Tac. Farán un rexistro audiovisual da memoria a través de pequenos relatos e anécdotas. O material publicarase nunha páxina web para que todo o mundo teña acceso ás historias e recordos de toda unha xeración. Ademais, os participantes poderán contar historias, ser entrevistadores ou cámaras e enviar o material a través de Internet.

Memoria Dixital Tic-Tac consta de 9 talleres, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro en todas as comarcas da provincia. Está aberto a asociacións e centros de maiores de todos os Concellos da provincia, agás o da capital. Os interesados poden apuntarse no 982 254 666.

Engurras en Ribeira de Piquín

Ás 18:30 horas, no Chao do Pousadoiro, en Ribeira de Piquín, o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos, manterá un encontro cos participantes en Engurras Tic. Os alumnos farán fotografías e editaranas con dispositivos tecnolóxicos como smartphones, tablets e ordenadores portátiles. Ademais, compartiranas en redes sociais como Instagram. As imaxes exporanse nos locais onde se imparten os obradoiros. As mellores entrarán a formar parte dun concurso, que se resolverá o 27 de febreiro.  Os interesados en participar en Engurras Tic poden inscribirse a través da páxina http://engurrastic.fundaciontic.org.

Memoria Dixital Tic-Tac e Engurras Tic están incluídos na actuación “Promoción da autonomía persoal dos maiores da provincia”, que xestiona a Fundación TIC a través do Centro de Innovación Social InLugo no marco do Innova-TE2, programa financiado nun 80% con fondos europeos.

9 de febreiro de 2015 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.