publicidade hoxe

Os concellos de Trazo, Frades e Ordes trasladan o proxecto para un obradoiro conxunto de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesOrdesTrazo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde de Trazo, José Dafonte, para coñecer de primeira man o proxecto de creación dun obradoiro de emprego, que este municipio solicitará agrupado tamén cos concellos de Frades e Ordes. Segundo a proposta trasladada á Consellería de Traballo e Benestar, esta iniciativa centraríase en tres especialidades: albanelería, pintura decorativa en construción e actividades auxiliares en viveiros e xardíns.

Do Campo, pola súa parte, amosou a súa satisfacción pola iniciativa destes municipios, xa que, segundo indicou, ten como obxectivos, por unha banda, mellorar a empregabilidade dos traballadores que toman parte no obradoiro, ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico práctica de calidade, da man dos especialistas que as imparten.

Así mesmo, a posta en marcha deste proxecto permite a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade. Finalmente, o terceiro aspecto importante que rodea este programa é a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais responsables de promover estas iniciativas.

De resultar beneficiarios deste programa mixto de formación e emprego, os participantes destes catro concellos contarán cun contrato e cun salario combinado con formación específica durante 6 meses. Poderán participar nos obradoiros de emprego as persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que teñan unha idade igual ou superior a 18 anos.

O departamento autonómico destinará a este programa 10,2 millóns de euros e beneficiará a uns 1.300 desempregados. A inversión ten carácter bianual, destinándose 7,7 millóns para 2015 e 2,5 millóns para 2016. Como novidades para 2015, cómpre resaltar as seguintes: cando haxa candidatos que o fagan posible, un 20% dos participantes deberán ser beneficiarios da RISGA e primaranse aqueles proxectos relacionados coa rehabilitación e posta en valor de fachadas e edificios de carácter público e/ou social e de espazos medioambientais (eliminación do feísmo). Así mesmo, os proxectos poden ser promovidos por entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha administración local e por consorcios locais.

27 de febreiro de 2015 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.