publicidade hoxe

O Showcooking da Deputación finaliza cunha xornada de cociña tradicional en Guitiriz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participará este xoves na duodécima xornada do Showcooking Cociña Autóctona, que organiza o organismo provincial. Esta será a derradeira destas citas coas que a Deputación busca potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia luguesa ao tempo que se favorece o desenvolvemento do turismo gastronómico. A xornada terá lugar en Guitiriz, no Restaurante Os Mesones, un establecemento de recente apertura situado nun antigo edificio guitiricense coñecido como Casa Santiago, onde os participantes aprenderán as posibilidades culinarias dos produtos chantadinos na cociña tradicional.

A chef local Esther Martínez Prado, cunha traxectoria profesional de máis de 25 anos de experiencia, será a encargada de clausurar o Showcooking Cociña Autóctona, que durante os meses de xaneiro e febreiro lles amosou aos asistentes o potencial turístico da “cociña de proximidade”, un concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que empregan maioritariamente proveedores e produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ao chegar ao establecemento xa que non é necesario un transporte excesivo.

Como en todas as ocasións, os produtos cos que traballará a chef son da provincia luguesa, nesta ocasión procedentes do Concello de Chantada. Os participantes nesta sesión empregarán carne de ave do Pazo de Sabadelle para cociñar, como primeiro prato, arroz caldoso con polo e, de segundo, polo con setas á prancha. Licores e Oruxos Augavella e Galletas da Veiga subministrarán os produtos necesarios para a sobremesa: galletas con queixo e marmelo acompañadas de augardente e licores. Ao finalizar a sesión, os participantes catarán o menú preparado.

Esta cita será a derradeira masterclass de cociña do Showcooking Cociña Autóctona que a Deputación levou a 11 localidades de toda a provincia, onde os participantes aprenderon, da man de prestixiosos profesionais, a cociñar variadas receitas tanto tradicionais como innovadoras. As citas tiveron lugar na Fonsagrada, Monforte de Lemos, Cervantes, O Valadouro, Begonte, Outeiro de Rei, Foz, Ribadeo, Chantada, Lugo e esta tarde en Guitiriz. En todas elas se empregaron produtos autóctonos de todas as zonas da provincia, principalmente aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada polo organismo provincial, e os ofertados na 1º plataforma de comercio electrónico da provincia, tamén posta en marcha pola Deputación: www.losproductosdelugo.com, como por exemplo marisco e pescado da Mariña, carne de cachena do interior ou queixo da Montaña.

A Deputación puxo en marcha esta iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02 Provincial, para fomentar entre os profesionais do sector hostaleiro o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a calidade e a exclusividade dos propios de cada zona para impulsar o sector.

26 de febreiro de 2015 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.