publicidade hoxe

O IES de Cacheiras realiza unha exposición sobre obras literarias levadas ao cinema

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Normalmente nunha biblioteca o material de interese está nas baldas mais no IES de Cacheiras levaron este interese tamén ás propias mesas do local. A mestra de galego, Sabela Álvarez, é a responsable de biblioteca neste curso e vén de por en marcha unha exposición chamada “Da literatura ao cinema. Intertextualidade” que se pode ver precisamente nas mesas de estudo.

Na mostra preséntanse obras da literatura catalá, galega, vasca e castelá que foron levadas ao cinema. Segundo explica Sabela “pensamos que amosar a relación entre libros e películas pode axudar a aprender a ver cine e tamén a entrar no mundo da lectura”.

O traballo contou coa colaboración da profesora Ánxela Mariño, responsable do Club de lectura do IES de Cacheiras e dos/as alumnos/as Iago Fuentes, Iria Pérez, Ramón Salgado, Anxo Varela e Laura Martínez.

Neste momento as dez mesas do IES xa amosan por cada título seleccionado a portada do libro e o cartel e a ficha técnica da película. A cantidade de material atopado fixo que as mesas da biblioteca, dez, quedaran escasas e parte das láminas colocáronas no pasillo de entrada do centro. Nalgún dos casos prepararon un lote de libro e filme para animar ao alumnado a descubrir a intertextualidade entre cine e literatura.

No caso da literatura castelá a exposición abrangue obras dende o século XVI ao XX e divídese por xéneros literarios mentras que no caso das literaturas catalá, galega e vasca os exemplos son moito menores e sitúanse no século XX.

A mostra inaugúrase nos próximos días coa proxección precisamente de dúas obras adaptadas ao cine “Engurras” e “Los santos inocentes”. A exposición estará todo o trimestre na biblioteca do IES de Cacheiras.

26 de febreiro de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.