publicidade hoxe

O goberno de Vimianzo reclama o Pazo de Boallo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+

O concello de Vimianzo foi coñecedor da venda dun ben inmoble incluído no inventario xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Trátase do Pazo da Pedriña, ou Pazo de Boallo, lugar da parroquia de Berdoias na que se atopa. Unha vez coñecida a existencia deste alleamento do inmoble o Concello de Vimianzo puxo este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en decembro de 2014 solicitando información sobre se os propietarios do pazo deran cumprimento da obriga recollida na Lei 8/1995 de Patrimonio Cultural segundo a cal “Toda pretensión de enaxenación ou venda dun ben declarado ou catalogado debe ser notificada á Consellería de Cultura”. Xa que segundo reza a lei, a partir da comunicación da intención de venda por parte do propietario debe abrirse un prazo de dous meses no que administración autonómica pode exercer o dereito de tanteo para si ou para outra institución.

Non se obtivo reposta a día de hoxe por parte da Xunta de Galicia, polo que o concello de Vimianzo reitera a solicitude para que desde a Consellería se exerza o dereito ao retrauto previsto no artigo 27 da citada lei en favor do Concello de Vimianzo.

O Pazo de Boallo é un edificio moi significativo para a historia de Vimianzo e para a historia de Galicia, xa que pertenceu á familia de Alonso de Lema, fidalgo de Berdoias e Boallo, no s.XVII. O Concello de Vimianzo é o primeiro interesado en asumir este inmoble e tería levado a cabo as dilixencias oportunas de ter coñecemento da venda, por iso pide agora que, se non se actuou correctamente, se exerza o dereito de retrauto, para poder cumprir a legalidade e acceder ao Pazo de Boallo, un ben inmoble que debe ser público dado o interese histórico que representa.

27 de febreiro de 2015 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.