publicidade hoxe

O entroido dos Xenerais da Ulla continúa na parroquia de Reis esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O entroido dos xenerais da Ulla continúa esta fin de semana na parroquia de Reis con saída e atranque o sábado e o domingo. Segundo a organización este ano sairán 16 persoas a cabalo, dous abanderados abrindo a comitiva, catro correos e dez xenerais. Irán acompañado aos dous coros, un de bonitos vestidos co traxe tradicional e outro de vellos con varias carrozas. Calculan que se moverán case 200 persoas entre os coros e os xenerais nas dúas xornadas nas que percorren a parroquia.

As comparsas e os xenerais sairán o sábado de Coira e pasarán polo Freixeiro, Valiñas, Samar, Pazos, Montecelo, Piñeiro, A Freiría, a Ribeira e rematarán no campo da festa. O domingo sairán pola mañá do Ferreiriño e pararán en Chao do Río, Outeiro, o Calvario, a Ribeira, Olveira, Xermeade, Pontevea e volverán a rematar no campo da festa. Os dous días se celebrará o atranque a última hora da tarde e as coordenadas GPS do lugar 42º 46´ 17.9″/ 8º 33´ 10.1″

Un dos momentos máis destacados da ruta do entroido de Reis é cando chegan a Pontevea xa que resulta moi vistoso ver aos xenerais e correos cruzar a ponte de Pontevea. Este momento será entre as 17:30-18:00 horas, antes de rematar no campo da festa.

Despois de Reis será a quenda da parroquia de Cacheiras que celebra o entroido os días 14 e 15 de febreiro. O sábado 14 tamén se celebra en Santa María de Teo.

Concurso de tapas do entroido

Hoxe tamén comezou en Teo o concurso de tapas do entroido TapTeo que funcionará en quince locais e na cantina do mercado do alimento labrego ata o 22 de febreiro. Durante estes días os establecementos participantes ofertarán tapas centradas no entroido a un prezo de dous euros. Participar no concurso valorando as tapas e cubrindo un pasaporte co selo de cada local tamén da dereito a participar no sorteo de varios premios.

Participan no concurso os seguintes locais da hostalaría teense: Bariloche Café Restaurante, Parrillada As Brasas, A Capilla, Chila Café, Restaurante San Martiño, Hotel Congreso, Cafetería Maradentro, Canaletto, Casa Nerea, Restaurante A Videira, Casa Pernas, Bar O Cruce, Taberna Mella, Cervecería A Santa Sede, Restaurante María Castaña e a Cantina do Mercado do alimento labrego de Teo que funcionará os tres sábados de duración do concurso. Os locais distribúense en tres rutas por proximidade. A ruta 1 Calo-N 550, a ruta 2 Cacheiras-Montouto e a 3 Ramallosa-Pontevea.

6 de febreiro de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.