publicidade hoxe

O conselleiro de Educación anuncia melloras por valor de 33.000 euros nos centros educativos de Maceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMacedaOurense
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá centros educativos do concello de Maceda, nos que o anunciou que o seu departamento ten previsto realizar este ano un investimento de 33.000 euros. En concreto, no CEIP de Maceda está prevista a reposición da caldeira e depósitos, mentres que no IES San Mamede se arranxarán a cheminea e os canlóns e se ampliará o salón de actos.

Deste xeito, o investimento da Consellería nestes centros desde 2009 elevarase a preto de 135.000 euros, tanto en obras de mellora como nos recursos destinados á biblioteca escolar. En concreto, no CEIP de Maceda realizáronse reformas na cociña, semisoto e baños, así como traballos de pintura e reparacións eléctricas e do sistema de calefacción, entre outras. No IES San Mamede os traballos foron dirixido a reformas as oficinas, aulas, biblioteca e vestiarios e a realizar unha nova acometida de auga.

No CEIP de Maceda o conselleiro visitou ademais a exposición que o centro alberga estes días, a mostra fotográfica ‘Xungir non é esmorecer, senón medrar’, de Rita Blanco Fernández. Composta por máis dunha trintena de imaxes, a exposición recolle a participación de Felos, Pantallas e Vergalleiros na Festa da primavera en Murcia, co obxectivo de difundir e amosar a beleza destas tradicións do Entroido ourensán. Durante o seu percorrido pola exposición, no que estivo acompañado pola autora e secretaria da Asociacións Felos da Corga da Serra de Maceda, Vázquez Abad salientou a necesidade de difundir os Felos, senlleiras figuras que, malia a súa similar aparencia, gardan significativas particularidades respecto dos máis coñecidos Peliqueiros ou Cigarróns. Neste sentido, o conselleiro valorou e agradeceu o traballo da devandita asociación e do Concello de Maceda por acadar a recente declaración do Entroido de Maceda como Festa de Interese turístico de Galicia.

Na súa estancia nestes centros escolares o conselleiro aproveitou para agradecer o labor do equipo directivo e docente en centros como este do rural, e animounos a participar nalgún dos programas educativos novidosos que a Consellería está a impulsar para a mellora da educación en Galicia.

2 de febreiro de 2015 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.