publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O condutor dun camión de bombonas de butano sae ileso tras precipitarse por un desnivel en Taboada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortada dereitaSucesosTaboada
A-
A+
Europa Press

O condutor dun camión que se precipitou este venres por un desnivel cargado de bombonas de butano no municipio de Taboada (Lugo) resultou ileso. Segundo informou o 112, un camión que transportaba unhas cen bombonas de gas butano caeu por un desnivel na estrada LUP-1809, que une Chantada con Antas de Ulla, ao seu paso polo municipio lucense de Taboada.

Malia quedar totalmente envorcado e nunha zona de difícil acceso, o condutor saíu da cabina ileso e polos seus propios medios. Sobre a carga, máis de cen bombonas de uso doméstico, os efectivos do parque de Bombeiros de Chantada confirmaron que quedaron esparexidas pola zona, algunhas mesmo caeron nun río, pero ningunha sufriu perdas.

Os bombeiros desprazados ao lugar encargáronse de recuperar as bombonas e unha grúa de retirar o camión sinistrado sobre as 12,45 horas deste venres.

Foi un particular o que alertou ao Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia, que puxo en marcha un operativo no que, ademais dos efectivos do parque comarcal, participaron Garda Civil de Tráfico, o GES de Monterroso, Protección Civil de Chantada e Urxencias Sanitarias, que anulou o transporte sanitario unha vez confirmado o “bo estado de saúde” do condutor, segundo sinalaron as mesmas fontes.

20 de febreiro de 2015 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.